Estás en:Novas

A Deputación da Coruña organiza xunto ao Ministerio de Traballo e Economía Social a asemblea da Rede RETOS no Pazo de Mariñán

O vindeiro luns, personalidades de distintas partes do territorio nacional acudirán ao Pazo de Mariñán para compartir boas prácticas no ámbito da RSC e deseñar o novo plan estratéxico da Rede RETOS

A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo do Plan de emprego local darase a coñecer como exemplo de boa práctica

A Deputación da Coruña organiza xunto ao Ministerio de Traballo e Economía Social a asemblea da Rede RETOS no Pazo de Mariñán

O vindeiro luns, 12 de xullo, o Pazo de Mariñán acollerá a asemblea da Rede RETOS, rede de ámbito nacional liderada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social a través da Dirección Xeral do Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das empresas e integrada por entes locais (municipios, provincias, consorcios, etc.), cuxa misión é articular, integrar e implementar distintas estratexias para o desenvolvemento de Territorios Socialmente Responsables, que melloren a calidade de vida dos seus habitantes, o que coincide cun dos obxectivos últimos do Plan de emprego local da Deputación da Coruña.

Retos constituíuse formalmente o 15 de abril de 2008, como resultado da Iniciativa Comunitaria eQual, coa pretensión de ser unha referencia en responsabilidade social territorial e, desde entón, desenvolveu de maneira constante a súa actividade, sendo xa un referente nacional e internacional na promoción dos valores e principios da responsabilidade social.

Periodicamente, as institucións adheridas á Rede reúnense en asembleas, que teñen lugar nos distintos territorios que a conforman, correspondéndolle nesta quenda á provincia da Coruña ser a anfitrioa.

A Mariñán acudirá una delegación de representantes do Ministerio de Traballo e Economía Social conformada por Maravillas Espín Saez, directora xeral de economía social e da responsabilidade social das empresas, Juan Manuel Sánchez Terán, subdirector xeral da economía social e da responsabilidade social das empresas, Guzmán García González-Posada.

Pola banda dos territorios que conforman a Rede RETOS acudirán importantes representantes de distintas entidades territoriais de toda España, concretamente: Pedro Manuel Maroto Mojonero e Eva Navarro Alcolea en representación do concello de Cidade Real, Javier Escalada Gómez en representación do concello de Móstoles, Carmen Navarro Cruz da Deputación de Almería, Alicia González Bayón e Antonio Campos González en representación do goberno de Extremadura.

Este ano, debido á incidencia da pandemia, a asemblea contará cun dobre formato: presencial e telemático, para que aquelas persoas que non poden acudir segan o evento de xeito en liña desde os seus lugares de traballo, como será o caso dos representantes dos concellos de Alcázar de San Juan, Avilés, Bilbao, Burgos, Cádiz, Castellón, Gandía, Gijón, Jaén, Paterna, Sevilla, Vilanova i la Geltrú, Rivas Vaciamadrid; das deputacións de Almería, Barcelona, Granada e Málaga; e de institucións como o Consorcio Pactem-Nord, a Fundación Etnor, e o Valle del Guadalhorce.

Nesta asemblea, referente nacional en responsabilidade social, a Deputación da Coruña compartirá a boa práctica que constitúe a creación e posta en marcha da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, que aglutina distintos espazos de traballo localizados en concellos da provincia (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking). Actualmente esta rede está conformada polo Pazo de Arenaza en Oleiros, o coworking do Forum de Carballo, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o coworking A Proa en Ames, Emprende-LAB Barbanza de Boiro e polo centro comarcal de desenvolvemento rural de Moeche. A estes centros de traballo previsiblemente adheriranse dous máis ao longo da presente anualidade.

O obxectivo principal desta Rede, pioneira en Galicia, é establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e emprendedores entre os distintos espazos que formen parte dela, funcionando de xeito eficiente, para fomentar o emprego, dinamizar o tecido empresarial do concello/comarca onde se empracen os distintos centros, difundir e compartir coñecementos, competencias e habilidades clave a hora de emprender, propiciar o xerme para o florecemento de novos negocios e traballar especificamente en programas de xestión empresarial en sectores estratéxicos.

Tras explicar a boa práctica que supón a posta en marcha da Rede de coworking provincial, abordarase a información sobre eventos, concretamente sobre o congreso conxunto de redes 2021: REDEL, Foro de Ciudades por el Empleo, Impulso y RETOS e sobre outra información de interese, como é o caso da análise sobre o Fondo de recuperación da Unión Europea e Fondos comunitarios para o período 2021 – 2027.

Nesta xuntanza tamén haberá tempo para analizar o futuro da Rede RETOS, deseñando o plan de actividades e debatendo o novo plan estratéxico.

Para rematar a xornada, a Deputación da Coruña organizará para todos os asistentes unha visita guiada polo Pazo de Mariñán e os seus xardíns.

A Deputación continúa a apostar pola responsabilidade social do territorio, quedando patente en todas as actuacións do seu Plan de emprego local e hoxe máis que nunca ao organizar a asemblea da REDE Retos, referente nacional neste eido.

Páxinas suxeridas