Estás en:Novas

A Deputación e o Concello da Coruña suman forzas para o proxecto de APEM de construír unha residencia para maiores con enfermidades mentais na Coruña

O ente provincial achegará o financiamento necesario mentres que a administración local comprométese a atopar unha localización e incorporalo a proxectos que xa están en marcha
Durante unha visita ás instalacións de APEM o presidente comprometerase a buscar a colaboración do Concello para o proxecto
González Formoso destacou a "necesidade xustificada" desta unidade residencial pola "difícil situación que atravesan moitas persoas con necesidades especiais cando chegan a unha determinada idade"
Inés Rey asegurou que analizará "os proxectos existentes no eido residencial e de atención ás persoas con enfermidades mentais" e "tratará de buscar unha localización adecuada para que a Deputación poida financiar este proxecto"

A Deputación e o Concello da Coruña suman forzas para o proxecto de APEM de construír unha residencia para maiores con enfermidades mentais na Coruña

A Deputación da Coruña e o Concello da Coruña acordaron hoxe sumar forzas para o proxecto da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) de construír unha residencia para maiores con enfermidades mentais na cidade.

O acordo concretouse hoxe nunha reunión de traballo no pazo provincial entre o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e representantes de APEM, despois de que o presidente se comprometera durante unha visita ás instalacións da entidade no mes de maio a buscar a colaboración do Concello.

Por unha banda, a Deputación da Coruña participará no financiamento da nova unidade residencial para maiores de 60 anos mentres que o Concello da Coruña será o encargado de buscar unha localización adecuada e incorporalo a proxectos xa existentes.

Na actualidade en APEM, que desenvolve actividades e servizos para máis de trescentas persoas usuarias en diferentes municipios da área sanitaria coruñesa, contan con centros de rehabilitación psicosocial e unha unidade residencial para persoas de 18 a 60 anos, situada en Cee, pero necesitan dispoñer dunha para maiores de 60 anos xa que na actualidade, cando superan esa idade, pasan á rede pública de residencias e non poden contar cunha atención personalizada.

Valentín González Formoso destacou a "necesidade xustificada" desta unidade residencial para maiores con enfermidades mentais pola "difícil situación que atravesan moitas persoas con necesidades especiais cando chegan a unha determinada idade" e subliñou que "a natureza da Deputación é a de coordinar, buscar consensos e dinamizar proxectos de interese social coma este".

Pola súa parte, Inés Rey asegurou que analizará "os proxectos existentes no eido residencial e de atención ás persoas con enfermidades mentais" e "tratará de buscar unha localización adecuada para que a Deputación poida financiar este proxecto".

Apoio da Deputación a APEM

Este ano, a institución provincial apoia con 17.000 euros as actividades de rehabilitación que APEM ofrece no seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da praza dos Chopos ás persoas usuarias que exceden das prazas concertadas co SERGAS e con 7.500 € a renovación do equipamento do centro do que dispón a entidade no barrio da Sagrada Familia.

APEM xestiona ademáis o centro de rehabilitación psicosocial e laboral "Kerámicos", na rúa da Igrexa, que dispón dun taller prelaboral de olería e cerámica ó que asisten 25 persoas usuarias e no que se elaboran diferentes pezas artísticas.

Algunhas das pezas elaboradas neste obradoiro son empregadas como regalo institucional da Deputación desde o ano 2019, contribuíndo así tamén ó importante labor social que desenvolve esta entidade.