Estás en:Novas

A Deputación mellorará a estrada que vai da Carballa a Moldes, en Ribeira, e que será unha das vías de acceso ao futuro polígono industrial

González Formoso adquiriu coa Asociación de Empresarios de Ribeira o compromiso de executar este investimento unha vez que o proxecto do polígono sexa unha realidade
O obxectivo é o de responder ás necesidades do novo polígono ampliando a plataforma da calzada
No 2020 e no 2019 a asociación recibiu ao redor de 22.000 euros de fondos provinciais para o apoio ao comercio e hostalería e o desenvolvemento económico

A Deputación mellorará a estrada que vai da Carballa a Moldes, en Ribeira, e que será unha das vías de acceso ao futuro polígono industrial

A Deputación da Coruña incorporará nos seus próximos plans de investimentos en Vías e Obras a mellora da estrada DP-7310 que vai da Carballa a Moldes, no Concello de Ribeira, e que será unha das vías de acceso ao futuro polígono industrial.

A Asociación de Empresarios de Ribeira explicou a necesidade de levar a cabo esta obra nunha reunión mantida no pazo provincial co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que se comprometeu a executar este investimento "unha vez que o proxecto do polígono sexa unha realidade".

O obxectivo da actuación sería o de ampliar a plataforma da vía para responder ás necesidades do novo polígono, que estará situado na contorna de Fontenla e Pedras Vermellas, na parroquia de Palmeira.

No encontro, no que participaron por parte da Asociación de Empresarios de Ribeira o seu presidente, Francisco Martínez Gude, e o secretario, Juan Martínez Puente, detalláronse as diferentes actividades e o traballo que están facendo, tanto a nivel de dinamización dos sectores comerciais como de hostalería e restauración, para reactivar a economía neste contexto de pandemia.

No 2020 e no 2019 a asociación recibiu ao redor de 22.000 euros de fondos provinciais a través das liñas de axudas a entidades sen ánimo de lucro para actividades, que destinaron ao apoio ao comercio e hostalería e a actividades de desenvolvemento económico.