Estás en:Novas

González Formoso eloxia a “innovadora terapia canina” financiada pola Deputación da que xa se beneficiaron 149 usuarios do Centro Pai Menni en Betanzos

O presidente visitou a entidade, asistiu a unha destas sesións e comprobou que "o esforzo económico que fai a Deputación a través das liñas de axuda a entidades sociais paga a pena".
A directora do centro, Sor Cipri Cía, agradeceu o apoio provincial xa que "sin el todas estas acciones no serían posibles"
Nos últimos tres anos esta entidade recibiu preto de 100.000 euros de fondos provinciais a través de diferentes subvencións

González Formoso eloxia a “innovadora terapia canina” financiada pola Deputación da que xa se beneficiaron 149 usuarios do Centro Pai Menni en Betanzos

Valentín González Formoso visitou en Betanzos o Centro Pai Menni de atención integral a persoas con discapacidade integral e eloxiou "a innovadora terapia canina" que alí se leva a cabo co financiamento da Deputación da Coruña e da que se beneficiaron 149 usuarios e usuarias desde o ano 2018.

O presidente puido asistir a unha destas sesións nas que a través do can establécese unha ponte de comunicación entre a persoa usuaria e a terapeuta, funcionando o animal como un elemento motivador que axuda a conseguir obxectivos para mellorar a súa calidade de vida. "Vendo como están a desfrutar da experiencia e constatando que o número de participantes crece cada ano está claro que o esforzo económico que fai a Deputación a través das súas liñas de axudas a entidades sociais paga a pena", subliñou González Formoso.

No inicio da actividade no ano 2018 eran 16 as persoas usuarias desta terapia canina, pasando a 34 no 2019, 49 no 2020 e 50 no 2021, sumando así un total de 149 beneficiarios, que se dividen en grupos pensados polas súas necesidades e polo nivel de estimulación necesario.

A superiora de Hermanas Hospitalarias Centro Pai Menni, Sor Cipri Cía, agradeceu o apoio que vén amosando a Deputación "a lo largo de nuestro recorrido ya que sin el esta y otras actividades no serían posibles".
Longa traxectoria de colaboración

Durante a visita as representantes do centro compartiron diferentes proxectos de cara ao futuro para poder continuar coa estreita colaboración que manteñen ambas entidades e que se materializou nos últimos tres anos nun investimento de preto de 100.000 euros de fondos provinciais para o Centro Pai Menni a través de diferentes subvencións.