Estás en:Novas

A Deputación da Coruña entrega os Premios Rosalía de Castro nun acto público o vindeiro 20 de xullo no concello de Fene

A área de Normalización Lingüística fará entrega dos recoñecementos pola promoción do galego a Xaquín Marín, Agrupación Astronómica Ío e Twitter en galego

A Deputación da Coruña entrega os Premios Rosalía de Castro nun acto público o vindeiro 20 de xullo no concello de Fene

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño e o alcalde de Fene, Juventino Trigo, presidirán o vindeiro 20 de xullo ás 20.30 o acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro a Xaquín Marín, Agrupación Astronómica Ío e Twitter en galego. O acto, aberto ao público con reserva previa, contará coa actuación de Xabier Díaz.

O debuxante Xaquín Marín, a Agrupación Astronómica Ío e Twitter en galego recibirán os Premios Rosalía de Castro de Normalización Lingüística o vindeiro martes 20 de xullo ás 20.30 horas nun acto que terá lugar na Pista Polideportiva da Fonte do Campo para o que é preciso reserva de praza.

O acto estará presidido pola Deputada de Normalización Lingüística, María Muíño e polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e nel farase un recoñecemento aos gañadores da nova edición desta convocatoria encamiñada a valorar o labor de persoas e entidades na promoción e uso do galego.

Neste caso, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, destaca que os premios "recaeron en persoas e entidades que están a desenvolver un traballo de especial interese para que a nosa lingua avance en todos os ámbitos, tamén en especializados e nas persoas máis novas que son o futuro do galego"

O xurado elixiu nesta edición ao debuxante Xaquín Marín como gañador na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega polo seu " compromiso continuado no tempo. Polo alcance social do seu traballo. Por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual". Valórase, neste sentido, o seu labor " pola defensa da lingua implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual".

Na categoría de entidade que destaca na promoción da lingua galega a gañadora é a Agrupación Astronomía Ío, "por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen vagaxe no noso idioma que ademais conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo para o público xeral". Destacouse tamén a "énfase na creación lexical que demanda especialidade para a normalización do galego nese ámbito e a elaboración de recursos e materiais didácticos para a divulgación da astronomía con grande rigor". Apuntan asimesmo que a asociación impulsa e asesora a Real Academia Galega no nomeamento das 88 constelacións en galego e promoveu a campaña social para que a Unión Astronómica Internacional asignase o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.

Finalmente, na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua a gañadora é a iniciativa TWITTER EN GALEGO, promovida por Carlos García Vieito da que se sinala que coordina "o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua e fornece un referente nas redes sociais, para o público xeral e para a mocidade en particular, facendo que cada día máis chíos sexan en galego". Valórase tamén que Twitter en galego crea "terminoloxía que permite colocar a lingua galega na nova realidade dixital" e destácase o "grande impacto social con máis de 15.000 persoas usuarias coa conta configurada en galego".

O xurado estivo composto pola técnica de normalización lingüística do concello da Coruña, Julia Rigueiro, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Caetano Viscaíno e, en representación dos proxectos gañadores da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate coa deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, como presidenta e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria.

Para asistir ao acto, é necesario facer reservas nos correos cultura.deportes@fene.gal e no silvia.seixas@dacoruna.gal .