Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e Cogami reforzan a súa colaboración nun programa que facilitou a inserción laboral de 714 persoas con discapacidade na provincia

Valentín González Formoso e Anxo Queiruga reuníronse hoxe na sede da Deputación e subliñaron os bos resultados do Servizo de Intermediación Laboral

A  Deputación da Coruña e Cogami reforzan a súa colaboración nun programa que facilitou a inserción laboral de 714 persoas con discapacidade na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, reuníronse esta mañá na sede da institución provincial para abordar a colaboración entre ambas as dúas entidades.
González Formoso e Anxo Queiruga analizaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) nun ano marcado pola pandemia como foi o 2020, un programa que conta co apoio económico da Deputación, e que o ano pasado facilitou a inserción laboral de 1.705 persoas con discapacidade en Galicia, 714 delas na provincia da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña insistiu na importancia do traballo que leva a cabo o equipo de COGAMI, un grupo "multidisciplinar de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego que permite buscar os perfís profesionais que mellor se adapten ás necesidades das empresas" e apuntou que se trata "dunha axuda fundamental para un colectivo con especiais dificultades para acceder ao mercado laboral".

Neste sentido, destacou que a Deputación continúa a reforzar o seu apoio ao programa a través dunha achega que incrementou no pasado mandato, pasando dos 60.000 aos 90.000 euros anuais, para manter en funcionamento un servizo que promove a inclusión laboral das persoas con discapacidade, que contan cunha taxa de paro que é 10 puntos superior.

Anxo Queiruga agradeceu o apoio da Deputación para o desenvolvemento deste servizo que conta con 18.561 persoas inscritas, 8.064 delas da provincia da Coruña, e lembrou que as dificultades na inserción laboral das persoas con discapacidade estanse a agravar polas consecuencias sociais e económicas derivadas da pandemia, apuntando a necesidade achegar os servizos ao rural así como rachar coa fenda dixital, cara a garantir a participación en igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade.