Estás en:Novas

A Deputación destina 17.000 euros para continuar apoiando o programa de voluntariado social en países europeos da Fundación Paideia

Valentín González Formoso e a presidenta da entidade, Sandra Ortega, asinaron un acordo, do que se beneficiará a mocidade desempregada no ano 2021

A Deputación destina 17.000 euros para continuar apoiando o programa de voluntariado social en países europeos da Fundación Paideia

A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia continúan un exercicio máis impulsando o voluntariado social en países europeo mediante un programa dirixido á mocidade desempregada da provincia. O ente provincial apoia, un ano máis, á entidade a través do financiamento das actividades formativas e informativas do programa.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e Sandra Ortega, presidenta da Fundación Paideia Galicia, rubricaron o convenio, a través do que a Deputación da Coruña achegará 17.000 euros, o 70% do custo total da iniciativa.

En 2020 participaron neste voluntariado un total de 169 mozos e mozas coruñeses de entre 18 e 30 anos, dos que 133 procedían da cidade da Coruña e o resto dos municipios de Arteixo, Betanzos, Boiro, Brión, Camariñas, Cambre, Carballo, Carral, Culleredo, A Laracha, Miño, Noia, Oleiros, Ribeira, Rois, Sada e Santiago.

Neste exercicio, a iniciativa volverá a achegar a 300 mozos e mozas a oportunidade de saír ao estranxeiro para mellorar as súas competencias persoais e profesionais. Como novidade, farase especial fincapé nas zonas rurais da provincia.

O programa consta de dúas fases, a primeira delas conformada por actividades formativas e de contextualización que proporcionarán información técnica e práctica previas á saída dos e das participantes. A segunda, ao regreso,explicará as posibilidades de proxección no mundo laboral do aprendido coa experiencia. O período de voluntariado vai desde os 6 aos 12 meses de duración.

"O voluntariado social non só contribúe a abrir novos marcos e perspectivas vitais, senón que tamén potencia o espírito emprendedor", destacou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que tamén sinalou que "este tipo de accións contribúen a promover unha cultura participativa e solidaria".

Pola súa banda, Sandra Ortega quixo agradecer "un ano máis á Deputación da Coruña a colaboración coa nosa entidade", enfatizando en que "a través deste proxecto 300 mozas e mozos da provincia obterán a información e formación necesarias para participar nunha experiencia única para elas e eles", finalizou.