Estás en:Novas

O Pazo de Mariñán logra a certificación 'Observer' de turismo científico


Hoxe tivo lugar o acto de entrega da certificación, que supón un recoñecemento da singularidade dos seus valores históricos e botánicos

O espazo converterase en 'Destino Observer' baixo a categoría de 'Xardín Histórico'.

Xosé Regueira explicou que "debemos avanzar na profesionalización para que o turismo sexa tamén un negocio que xere riqueza e emprego e ese é o obxectivo desta certificación"

O Pazo de Mariñán logra a certificación 'Observer' de turismo científico

O Pazo de Mariñán, que forma parte do patrimonio da Deputación da Coruña, obtén a certificación 'Observer' de turismo científico e convértese en 'Destino Observer' baixo a categoría de 'Xardín histórico'.

Hoxe, no propio pazo, tivo lugar o acto de entrega da certificación, que supón un recoñecemento da singularidade dos seus valores históricos e botánicos por parte de ObserverScienceTourism.com, que é a primeira plataforma de destinos e servizos de turismo científico certificados.

Para esta entidade o pazo, "ademais dos seus valores naturais, conta cunha pinacoteca visitable, de enorme valor, centrada en obras de arte dos séculos XIX e XX, moitas delas de artistas galegos" e é "unha das propiedades señoriais máis emblemáticas de Galicia" polo que cumpre os requisitos impostos pola certificación para converterse en 'Destino Observer' baixo a categoría de 'Xardín Histórico'.

Os Xardíns históricos Observer son lugares de interese cultural e botánico. Quedan definidos nesta categoría os conxuntos históricos do patrimonio natural ou cultural que constitúan un recurso único e singular a través do que realizar actividades de divulgación e turismo científico no eido da botánica e a historia.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, explicou que "debemos avanzar na profesionalización para que o turismo sexa tamén un negocio que xere riqueza e emprego e ese é o obxectivo desta certificación, coa que queremos fortalecer os recursos propios cun nivel máximo de experiencia na visita e tamén de coñecemento, neste caso do Pazo de Mariñán".

"Este é o primeiro paso que queremos dar, entrando nun club de elite a través do que moitas persoas virán a Mariñán non só pola súa historia ou os seus xardíns se non tamén polo coñecemento que hai detrás", sinalou Regueira nun acto en que tamén participou o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas. 

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, lembrou que "este é un enclave para desfrutar, do edificio, da arte que se engloba nel e tamén da natureza" e cree que "entre todas as administracións debemos buscar a excelencia turística porque, cada vez máis, se está achegando a esta zona que buscan esa experiencia completa e este é un paso nese sentido".

A directora de Observer, Maite Vence, incidiu en que "esta certificación achega aos xestores dos espazos unha folla de ruta que sirve de guía para deseñar estratexias turísticas acordes ao patrimonio do destino" e afirmou que "o Pazo de Mariñán cumpría todas as nosas premisas".

A vicepresidenta da Sociedade Internacional da Camelia para Europa, Pilar Varela, comentou que "unha das razóns desta certificación Observer é que o Pazo pertence á Ruta da Camelia, e en Mariñán temos varios exemplos de camelias senlleiras, non hai outro sitio no mundo onde exista unha formación de camelias como esta".

Unha ferramenta de planificación

O obxectivo da certificación Observer é poñer en valor e recoñecer a singularidade dos recursos turísticos que avalían, e achegar aos xestores do espazo una ferramenta de planificación que sirva de guía para deseñar novas estratexias turísticas acordes ao patrimonio dos destinos que certifican.

Para a súa acreditación, Observer® valorou aspectos que teñen que ver co patrimonio natural e cultural, a conservación da biodiversidade, proxectos de investigación, actividades de turismo científico, persoal cualificado ou a colaboración con provedores de Km 0, entre outros aspectos. Ademais, como novidade, o selo inclúe agora protocolos de bioseguridade contra a COVID -19, que acreditan aos seus destinos de turismo científico, como confiables en canto a normas sanitarias. O proceso de certificación, encargado pola Deputación de Coruña dou comezo o pasado mes de febreiro, e remata agora a súa primeira fase de certificación.

O pazo de Mariñán súmase, daquela, á lista de destinos turísticos de excelencia certificados por Observer. Galicia conta xa con preto de 80 destinos Observer, que poden ser consultados na súa web (observersciencetourism.com) na que se achegan contidos, roteiros, actividades e información especializada.