Estás en:Novas

María Muíño destaca o “compromiso coa lingua” dos galardoados nos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

O acto de entrega dos recoñecementos a Xaquín Marín, Agrupación Astronómica Ío e Twitter en galego tivo lugar no Concello de Fene

María Muíño destaca o “compromiso coa lingua” dos galardoados nos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, presidiu a entrega dos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña que se celebrou na pista polideportiva da Fonte do Campo no Concello de Fene e destacou o "compromiso coa lingua" dos galardoados: Xaquín Marín, Agrupación Astronómica Ío e Twitter en Galego.

No acto, no que tamén estivo presente o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e que contou coa actuación de Xabier Díaz; María Muíño tamén destacou que esta foi "unha das convocatorias máis numerosas en canto a candidaturas e calidade e méritos destas" e lembrou que este premio naceu en  2011 co fin de "recoñecer a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico e fixémolo co nome dunha das grandes da literatura universal".

O xurado elixiu nesta edición ao debuxante Xaquín Marín como gañador na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega polo seu " compromiso continuado no tempo. Polo alcance social do seu traballo. Por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual". Valórase, neste sentido, o seu labor " pola defensa da lingua implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual".

Na categoría de entidade que destaca na promoción da lingua galega a gañadora é a Agrupación Astronomía Ío, "por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e a súa bagaxe no noso idioma que ademais conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo para o público xeral". Destacouse tamén a "énfase na creación lexical que demanda especialidade para a normalización do galego nese ámbito e a elaboración de recursos e materiais didácticos para a divulgación da astronomía con grande rigor". Apuntan, así mesmo, que a asociación impulsa e asesora a Real Academia Galega no nomeamento das 88 constelacións en galego e promoveu a campaña social para que a Unión Astronómica Internacional asignase o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.

Finalmente, na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua a gañadora é a iniciativa TWITTER EN GALEGO, promovida por Carlos García Vieito da que se sinala que coordina "o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua e fornece un referente nas redes sociais, para o público xeral e para a mocidade en particular, facendo que cada día máis chíos sexan en galego". Valórase tamén que Twitter en galego crea "terminoloxía que permite colocar a lingua galega na nova realidade dixital" e destácase o "grande impacto social con máis de 15.000 persoas usuarias coa conta configurada en galego".

O xurado estivo composto pola técnica de normalización lingüística do concello da Coruña, Julia Rigueiro, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Caetano Viscaíno e, en representación dos proxectos gañadores da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate coa deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, como presidenta e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria.

Páxinas suxeridas