Estás en:Novas

A Deputación da Coruña estuda a creación dunha nova liña de subvencións para mancomunidades de montes

A Deputación da Coruña estudará a creación dunha liña de subvencións para mancomunidades de montes, similar á que xa existe na actualidade para confrarías de pescadores, co obxectivo de "apoiar a estas entidades na conservación e posta en valor dos espazos forestais como elemento de creación de emprego e xeración de riqueza e nas actividades de ordenación do monte e prevención de incendios forestais".

Así o anunciaron esta mañá os deputados responsables da área de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, Medioambiente e Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, e a deputada de Benestar Social e edil sonense, Ánxela Franco, durante unha reunión con representantes da Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza celebrada esta mañá en Porto do Son.

A Deputación da Coruña estuda a creación dunha nova liña de subvencións para mancomunidades de montes

A Deputación da Coruña estudará a creación dunha liña de subvencións para mancomunidades de montes, similar á que xa existe na actualidade para confrarías de pescadores, co obxectivo de "apoiar a estas entidades na conservación e posta en valor dos espazos forestais como elemento de creación de emprego e xeración de riqueza e nas actividades de ordenación do monte e prevención de incendios forestais".

Así o anunciaron esta mañá os deputados responsables da área de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, Medioambiente e Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, e a deputada de Benestar Social e edil de Porto do Son, Ánxela Franco, durante unha reunión con representantes da Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza celebrada esta mañá en Porto do Son.

José Luís García apuntou que "aínda que as competencias para controlar e ordenar os espazos forestais son da Xunta de Galicia", a Deputación da Coruña estudará cos seus servizos xurídicos e de fiscalización "a posibilidade de abrir unha liña de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para axudar a estas entidades, que agrupan ás comunidades de montes dos concellos da provincia, a adquirir material e realizar labores de mellora e rexeneración de espazos forestais e prevención de incendios".

O responsable da área de Promoción Económica lembrou que a cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal de man común, polo que considerou "importante apoiar ás mancomunidades destas entidades no seu labor de conservación e posta en valor destes espazos, para o seu adecuado aproveitamento económico e social".

"Enorme potencial" do monte como fonte de riqueza

Pola súa banda, a deputada do Son Ánxela Franco considerou "cordial e produtiva" a reunión celebrada hoxe coa Mancomunidade de montes Serra do Barbanza, que agrupa a propietarios de máis de 7.000 hectáreas de montes de cinco municipios da comarca do Barbanza (Lousame, Porto do Son, A Pobra, Rianxo e Boiro) e agradeceu a invitación efectuada pola entidade para "tratar temas que nos interesan a todos".

Ánxela Franco considerou ás mancomunidades de montes "entidades comparables no agroforestal ao que son as confrarías de pescadores no mundo do mar", pola súa "contribución á xeración de riqueza e emprego", ademais do importante papel que desenvolven no plano medioambiental e de prevención do lume.

A deputada destacou "o enorme potencial do monte galego, que se desperdicia cada certo tempo coa aparición dos incendios que asolan Galicia" e considerou "importante que se escoite ao sector" e que "por primeira vez" se estude una apoio directo dende a Deputación a estas entidades que agrupan ás comunidades de montes.

PMA, 5 millóns de euros para investimentos medioambientais

Neste sentido, o deputado responsable da área de Medioambiente, José Manuel Pequeño, subliñou que a Deputación da Coruña xa apoia os concellos a través dun ambicioso Plan de Medioambiente (PMA), dotado con 5 millóns de euros e destinado aos 93 municipios coruñeses para o financiamento de investimentos e actividades cun investimento superior a 15.000 euros que contribúan a manter e mellorar o entorno natural e a calidade ambiental da provincia da Coruña. Entre as actividades que se poden financiar co PMA está a limpeza e conservación de espazos forestais.

Un plan baseado nuns criterios que "priman especialmente aos concellos máis pequenos e rurais, con menor densidade poboacional e maior número de espazos verdes no seu territorio, como son a maioría dos concellos de Barbanza", apuntou Pequeño Castro.

Así, por exemplo, concellos como Porto do Son ou Outes reciben da Deputación 43.113 e 45.529 euros, respectivamente, a través do PMA; mentres que outros concellos máis urbanos como Noia ou Ribeira reciben 34.627 e 35.780 euros.

Páxinas suxeridas