Estás en:Novas

A Deputación da Coruña abre a convocatoria para financiar a presenza de 35 empresas na Culturgal

A área de Cultura subvenciona a totalidade do custo do alugueiro das casetas na Feira da Cultura, que terá lugar os días 26, 27 e 28 de novembro en Pontevedra

Poden concorrer empresas do sector cultural con sede fiscal na provincia da Coruña que presenten a súas solicitudes antes do 25 de agosto

A Deputación da Coruña abre a convocatoria para financiar a presenza de 35 empresas na Culturgal

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de abrir a convocatoria para subvencionar a participación de 35 empresas da Coruña na Culturgal, que se desenvolverá este ano do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra. A convocatoria, que pechará ás 14h do 25 de agosto, está expresamente dirixida a empresas do sector cultural con sede fiscal na provincia da Coruña, que estean interesadas en asistir á Feira das Industrias Culturais de Galicia Culturgal 2021.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, lembra que esta convocatoria, que xa se puxera en marcha o pasado ano, "se enmarca na filosofía de apoio ao sector profesional, poñendo a disposición das empresas o espazo que custeará a Deputación da Coruña para intentar paliar os efectos da crise que se arrastra desde o inicio da pandemia".

En concreto, o ente provincial subvencionará 35 casetas de 6m² cada unha, que contratará directamente como espazos expositivos para poñer á disposición de librarías, editoriais, produtoras, compañías de teatro ou discográficas, entre outras. A Feira, que este ano se desenvolverá baixo o lema 'A cultura que toca', abrirá ao público xeral o sábado 27 e o domingo 28 de novembro, reservando o venres 26 para o público profesional.

Esta iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña ten como obxectivo "ofrecer un apoio efectivo á promoción das empresas culturais no que, a día de hoxe, é o gran escaparate da cultura galega e que congrega tanto o sector profesional como os axentes culturais e público consumidor de cultura" segundo explica Xurxo Couto.

As bases desta convocatoria, publicadas no BOP da Coruña con data do 11 de agosto, contemplan para a selección das empresas criterios como a súa traxectoria, o número de persoas traballadoras contratadas, os proxectos innovadores e os premios e recoñecementos acadados pola empresa no seu ámbito de actividade.

Páxinas suxeridas