Estás en:Novas

A área de Cultura da Deputación apoia preto de trinta proxectos de especial relevancia social e cultural

A través da liña de axudas para a produción de proxectos singulares, financiará 29 propostas cun total de 325.576 euros

Os proxectos aprobados abordan, desde o ámbito da cultura, temáticas como a igualdade, a diversidade funcional, a posta en valor do patrimonio ou a innovación e a experimentación

A área de Cultura da Deputación apoia preto de trinta proxectos de especial relevancia social e cultural

A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia 29 proxectos de relevancia no ámbito social e cultural do tecido cultural privado. A través dunha liña de axudas en concorrencia competitiva destina 325.576 euros a financiar iniciativas de empresas e axentes do sector para a produción de proxectos singulares.

Convén lembrar que esta liña de axudas, convocada desde o ano 2018, ten por obxecto apoiar as propostas culturais en lingua galega que acheguen valor engadido de carácter social, artístico ou patrimonial, a través de temáticas como a igualdade, a diversidade, a cohesión social, a memoria ou a innovación e a experimentación. Neste sentido, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, afirma que "un ano máis, o conxunto das solicitudes presentadas dan mostra do talento e da creatividade que ten o sector cultural privado a día de hoxe" ao tempo que indica que "o apoio a estas 29 propostas permitirá facer realidade unha serie de proxectos que achegan valores complementarios aos artísticos e culturais, e con capacidade para ofrecer ao público produtos e propostas acordes coas demandas da sociedade actual".

Así, nesta edición cabe salientar proxectos que versan sobre o papel da muller como é o caso do proxecto 'EurekAs' sobre os fitos da ciencia con nomes de muller (presentado por Baía Edicións), ou sobre figuras xa coñecidas como son os proxectos sobre María Casares (presentado por Agalla Films), e sobre Sofía Casanova (presentado por Zenit Televisión). No eido da memoria, destaca o proxecto 'Documental: Xeración perdida 36' (presentado por Filmika Galaika); no ámbito da inclusión o 'FAI: Foro de Artes Inclusivas' (Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega); e no das artes e patrimonio os proxectos 'Contextere. Tecer Galiza. Proxección do legado artístico e patrimonial da historia de Galiza a partir do ollar de recoñecidos artistas contemporáneos' (Artedardo), 'Muller Ferreña. Prácticas comunitarias de canto e baile de transmisión oral' (Noente Paradise), e 'Da Zigala a Zemambiquo. As viaxes de Narf' (Nordesía Producións).

Ademais das temáticas, as propostas aprobadas tamén contemplan unha ampla variedade de formatos como festivais, proxectos de investigación, de divulgación e concienciación socioeducativa, ou produtos audiovisuais como documentais e webseries.

Tal e como se estipula nas bases da convocatoria, todos os proxectos aprobados achegan valores sociais, patrimoniais ou creativos adicionais e están promovidos por entidades lucrativas, empresas, compañías ou particulares do sector privado cultural. Nesta edición, e atendendo á situación xerada pola Covid, as actividades subvencionadas deberán realizarse no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de marzo de 2022.

Páxinas suxeridas