Estás en:Novas

Ana Lamas e Walter Pardo despiden o Campamento Urbano de Malpica, no que participaron 27 nenas e nenos

A deputada de Benestar Social e o alcalde de Malpica clausuraron o campamento nun acto celebrado no Centro Cívico

A actividade contou co financiamento do Fondo Social do Plan Único da Deputación da Coruña

Ana Lamas e Walter Pardo despiden o Campamento Urbano de Malpica, no que participaron 27 nenas e nenos

A Deputación da Coruña e o Concello de Malpica despediron esta mañá o Campamento Urbano Malpica 2021, organizado para promover a conciliación da vida familiar e laboral no municipio e destinado ás crianzas de 4 a 12 anos. Tivo lugar do 2 ao 31 de agosto e participaron 27 nenas e nenos. A actividade contou co financiamento do Fondo Social do Plan Único da entidade provincial.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo; o tenente de alcalde, Sergio García e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, acompañaron a rapazada no acto celebrado no Centro Cívico, que foi a sede central deste campamento, e interesáronse polas experiencias e aprendizaxes que adquiriron durante este verán.

Os obxectivos prioritarios do campamento, ademais de favorecer a conciliación, foi promover a rúa como espazo de uso público, poñer en valor o coñecemento da contorna e promover hábitos saudables para empregar con conciencia o tempo de lecer.

Dentro da programación do Campamento Urbano Malpica 2021 desenvolvéronse actividades como xogos de presentación e cooperativos, papiroflexia, xogos na praia (participando no XX Concurso de Barcanas e Castelos) ou accións de sensibilización musical e igualdade de xénero.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, puxo de relevancia "este tipo de actividades, que non só promoven a conciliación da vida familiar e laboral, fundamental no verán", senón tamén "no eido formativo, reforzando ideas educativas nos ámbitos de coñecemento do medio ou da igualdade", resaltou.

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou que o Plan Único destina este ano 14 millóns de euros para apoiar aos municipios coruñeses no financiamento de iniciativas sociais que contribúan a axudar aos colectivos máis vulnerables ou, coma neste caso, favorezan a conciliación laboral e familiar.

Páxinas suxeridas