Estás en:Novas

A última etapa da CERATIZIT challenge by La Vuelta discorrerá entre As Pontes e Santiago este domingo

A proba conta coa colaboración da Deputación da Coruña

É unha das competicións máis importantes no calendario WorldTour feminino, que percorre Galicia por primeira vez na súa historia

A última etapa da  CERATIZIT  challenge  by La Vuelta discorrerá entre As Pontes e Santiago este domingo

As Pontes será este domingo, 5 de setembro, o punto de saída da etapa final da CERATIZIT challenge by La Vuelta, unha das probas máis importantes no calendario WorldTour feminino que percorrerá Galicia por primeira vez na súa historia e que conta co patrocinio da Deputación da Coruña.

A etapa final, con saída desde As Pontes e final en Santiago de Compostela, coincidirá co final da Volta 21 na Praza do Obradoiro. As mellores corredoras do mundo daranse cita na carreira española máis importante do calendario ciclista feminino. Farano para tratar de desbancar á alemá Lisa Brennauer, do equipo Ceratizit- WNT Prol Cycling, vixente gañadora das dúas últimas edicións.

Participan un total de 24 equipos, dos que 9 son escuadras UCI World Tour. As súas caravanas estarán estacionadas na rúa 8 de marzo desde o sábado, 4 de setembro. O propio domingo instalarase un pequeno escenario diante da casa do concello por onde pasarán as corredoras antes da saída, prevista para as 10:00 na avenida de Ferrol. Será unha saída neutralizada, as participantes irán detrás do coche de carreira que marcará o ritmo ata que pasen pola ponte da autovía, onde xa comezará a competición.

Durante o paso das ciclistas, regularase o tráfico polas rúas das zonas que atravesa o percorrido: avenida de Ferrol, Praza do Carmen, Avenida de Ortigueira, Praza do Hospital, Avenida de Galicia, Poboado das Veigas, AC-861, nova variante, Alcalde José Vilaboy, Polígono Industrial Vos Airios e Ponte AG-64.

Páxinas suxeridas