Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación cofinancia a modernización integral do polideportivo de Tarrío, en Culleredo, cun investimento de 700.000 euros

A actuación contempla a renovación de accesos, cuberta e instalacións interiores

A estética do recinto cambiará ao completo

O Plan Único financiou a renovación de 101 instalacións deportivas na provincia desde a súa creación

O Plan Único da Deputación cofinancia a modernización integral do polideportivo de Tarrío, en Culleredo, cun investimento de 700.000 euros

A Deputación da Coruña e o Concello de Culleredo colaboran nas obras da modernización integral do polideportivo municipal de Tarrío, unha das infraestruturas deportivas máis empregadas do municipio. O proxecto enmárcase dentro do plan de renovación e mellora dos espazos deportivos que emprende o goberno local e que abarca tamén ás pistas exteriores, os campos de fútbol e os pavillóns restantes.

A actuación suporá unha notable mellora tanto funcional como estética do polideportivo e da súa contorna, cun investimento de 695.539,80 euros, que estará cofinanciada co Plan Único da Deputación.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destaca que o proxecto buscará "un cambio e unha renovación total" do recinto para aumentar as súas prestacións para os veciños. "A transformación de infraestruturas deportivas é prioritaria porque o deporte é benestar social", apunta.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a contribución do Plan Único á mellora de infraestruturas e servizos municipais. Desde a súa creación en 2017, o POS+ contribuíu a construír e mellorar 101 instalacións deportivas da provincia cun investimento total de 15,3 millóns de euros.

A cuberta do recinto, que se foi deteriorando, será substituída por completo. En lugar da chapa actual colocaranse paneis tipo sándwich con franxas translúcidas que permitirán a entrada cenital de luz. Cambiarase tamén o sistema de recollida de pluviais.

A fachada experimentará unha transformación absoluta. Será renovado o revestimento exterior mediante a instalación de paneis verticais. Unificarase así a imaxe exterior do edificio. Ampliaranse os ocos das xanelas, incrementando a luz natural pero evitando cegamentos.

Os accesos ao polideportivo serán outro dos grandes puntos do proxecto. Executaranse novas escaleiras e ramplas para garantir a accesibilidade. Con este obxectivo instalarase un ascensor que permitirá o acceso desde a planta baixa á bancada, cafetería e aseos.

Na fachada principal realizarase unha pérgola para comunicar baixo cuberta as diferentes dependencias. O vestíbulo será acristalado.

No interior reformarase e ampliará a aula para que poida ser empregada para cursos de formación, charlas ou reunións. Acondicionarase a zona de recepción, a enfermería e todos os aseos existentes, tanto os situados xunto aos vestiarios como nas bancadas.

Precisamente, nas bancadas colocaranse asentos de madeira para un maior confort do público. A instalación de varandas metálicas incrementará a seguridade.

A pista deportiva, que xa é de parqué, será acondicionada mediante traballos de pulido e aplicación de verniz deportivo. Realizarase ademais o pintado de campos de balonmán, fútbol sala, baloncesto ou patinaxe. En ambos os fondos dispoñerase pavimento deportivo para que sirvan como puntos de quecemento.

En canto a equipamentos, instalarase unha cortina separadora e redes protectoras. Dotarase ao pavillón dun novo sistema de megafonía, nova iluminación LED e iluminación de emerxencia. E o Concello instalará así mesmo un videomarcador con pantalla LED, con consola de control do tempo e marcadores de posesión.

Rioboo sinala que o polideportivo de Tarrío é un emblema en Culleredo dado que foi o primeiro en construírse. "Impulsamos un proxecto ambicioso que toca todos os ámbitos", afirma.
A instalación é empregada tanto por clubs federados como asociacións, penas ou o alumnado do CEIP de Tarrío.

Páxinas suxeridas