Estás en:Novas

Corcubión acolle o domingo a Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, e o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, presentaron o evento

18 clubs de remo masculinos e femininos da provincia disputarán a bandeira nunha regata de 3 millas

Repartiranse máis de 25.000 euros en premios

Corcubión acolle o domingo a Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”

A ría de Corcubión acolle este domingo, 5 de setembro, a partir das 17.00 horas, a tradicional Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña, que chega á súa trixésimo primeira edición masculina e á segunda na modalidade feminina.

A competición, organizada coa colaboración da Federación Galega de Remo, contará coa participación dun total de 18 clubs da provincia (12 masculinos e 6 femininos), que disputarán a Bandeira nunha regata de 3 millas mariñas (5.556 metros) que constará de 3 ciabogas e catro largos. Repartiranse 25.100 euros en premios entre os e as participantes.

O evento foi presentado esta mañá no Concello de Corcubión nun acto que contou coa presenza do alcalde da localidade, Manuel Insua, o concelleiro de Deportes, José Antonio Louro, o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas e a deputada de Deportes da institución provincial, Cristina Capelán, que destacou que "tras a suspensión do ano pasado debido á pandemia, a Bandeira de Traíñas volverá  reunir os mellores clubs de remo da provincia nun escenario privilexiado como é a ría de Corcubión".

Cristina Capelán lembrou que se trata dunha competición cunha gran tradición (leva trinta e un anos celebrándose cada verán nas rías da provincia) e que "froito da nosa aposta pola igualdade no deporte" conta tamén desde 2019 cunha edición feminina na que este ano competirán seis clubs. "Se o tempo nos acompaña será un gran espectáculo", afirmou a deputada, que lembrou que a proba contará con todas as medidas e protocolos Covid e agradeceu o gran traballo desenvolvido pola Federación Galega de Remo para a organización do evento.

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Insua, destacou que para unha vila de tradición mariñeira coma Corcubión "é un honor acoller por primeira vez esta veterana proba deportiva que reunirá os mellores clubs de remo coruñeses".

O presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, agradeceu a compromiso da Deputación para manter a bandeira durante tantos anos e dotala dunha nova competición feminina. Seijas destacou "a crecente importancia do remo feminino en Galicia, especialmente en bateis" e auguroulle "un futuro prometedor"

Tamén destacou a proxección e futuro que teñen novas disciplinas coma o remo mar que será olímpica nuns anos e que xa se está expandindo con forza en Galicia.

18 equipos e 25.000 euros en premios

Na competición masculina participarán 12 equipos: o Club de Remo Cedeira, C.R. Narón, C.R. A Cabana Ferrol, C.D Mariñeiro de Mera, Club de Regatas Perillo, A.D. Esteirana, C.R. Muros, C.R. Puebla, C.R. Rianxo e C.R. Cabo de Cruz.

Na feminina participarán un total de 6 equipos: o Club do Mar de Mugardos, o Club de Regatas Perillo, o C.R. Cabo de Cruz, C.R. Rianxo, C.R. Puebla e C.R. Náutico de Ribeira.

Os premios en categoría masculina oscilan entre os 2.500 euros para o primeiro clasificado e os 500 euros do duodécimo, mentres que na feminina van dos 2.500 do primeiro aos 1.200 do sexto clasificado.

Páxinas suxeridas