Estás en:Novas

"Sophie non é o meu nome de guerra" de Roberto Pascual gaña o XX Premio de Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña

A obra "Sophie non é o meu nome de guerra" foi escollida esta mañá polo xurado como gañadora do XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Roberto Pascual Rodríguez. O autor é profesor da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

O xurado estivo composto pola dramaturga Paula Carballeira, pola vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, pola actriz Iria Pinheiro, pola a actriz e creadora escénica Marta Pérez e polo autor gañador da edición anterior, Fernando Castro Paredes, e escolleu por unanimidade a obra "Sophie non é o meu nome de guerra" entre as 54 presentadas. Na reunión tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto, en calidade de presidente do xurado e a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria. 

O xurado salienta que "se trata dun texto poético para unha historia descarnada que trata temas de máxima actualidade como é a migración feminina". Tamén indica que "aborda un tema insólito no teatro galego xa que que expón unha realidade próxima aínda que parece invisible como é o tráfico de persoas e o emprego do corpo da muller". O fallo do premio valora ademais que "a historia está contada de xeito innovador, con calidade literaria e constrúe unha personaxe feminina moi complexa". Doutra banda, á hora de escoller a obra puxeron en valor que "resulta de especial interese por transcorrer a acción na actualidade e nunha cidade galega".

En anteriores edicións, o premio recaeu en Fernando Castro Paredes, Ernesto Is, Roberto Salgueiro, Xosé Pacho e Ze Paredes, Alberto Guede, Santiago Cortegoso, Teresa Moure, Gustavo Pernas, Inma Antonio, Manuel Lorenzo, Miguel Sande, Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Xavier Lama, Xesús Pisón, Raúl Dans, e Xesús Pisón.

Datos do autor
Roberto Pascual (1981) é profesor da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. É licenciado en Filoloxía Galega e posgraduado en Arte Dramática pola USC. Formou parte da Aula de Teatro da USC durante cinco anos, como actor en espectáculos dirixidos por Roberto Salgueiro. Traballou no Instituto Cervantes, na Universidad Complutense de Madrid e impartiu cursos e obradoiros en ActingHelps e na Facultade de Formación do Profesorado da USC, Campus de Lugo. Forma parte dos consellos de redacción da Revista Galega de Teatro e de Madrygal. Dirixe a colección Abrente da editorial Difusora e ten publicados ensaios sobre as artes escénicas en actas de distintos Congresos (UNED, Universidade de Toulouse II Le-Mirail, Montpellier, Avignon), en libros e revistas como Grial, ADE Teatro, Tempos Novos, Galicia 21 (Bangor University), Casahamlet, Lucero (University of California, Berkeley), Revista de Estudios Humanísticos (Universidad de León). De máis recente publicación é o seu libro "Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro" (Xerais) ou a edición e tradución ao castelán da obra "Matalobos" de Raúl Dans. Ademais, é autor de cadernos pedagóxicos para o DDC-Teatro do Noroeste ou compañía Viravolta-Seisdedors. Tamén é membro numerario da Academia Galega de Teatro e Premio Arenteira de Cultura 2017. Membro do Consejo Artístico e do Consejo Estatal das Artes Escénicas e da Música do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e da Comisión redactora do informe "As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas" do Consello da Cultura Galega.

Páxinas suxeridas