Estás en:Novas

O Club de Remo Cabo de Cruz gaña a Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña

Os equipos masculino e feminino de Boiro foron os gañadores das dúas modalidades da Bandeira, celebrada esta tarde en augas da ría de Corcubión

O presidente Valentín González Formoso e a deputada de Deportes, Cristina Capelán, entregaron as bandeiras ás tripulacións gañadoras

O Club de Remo Cabo de Cruz gaña a Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña

O Club de Remo Cabo de Cruz proclamouse esta tarde gañador da Bandeira de Traíñas "Deputación da Coruña, tanto na modalidade masculina como na feminina.

A proba, que reúne cada verán os mellores clubs de remo da provincia, volveu celebrarse este ano nas augas da ría de Corcubión, tras ser suspendida a edición do ano pasado debido á pandemia da Covid-19.

Un total de 18 clubs (12 masculinos e 6 femininos) disputaron a Bandeira, nunha espectacular competición de 3 millas náuticas que congregou a numeroso público para seguir as evolucións das embarcacións nunha vila que conta cunha gran tradición mariñeira.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Deportes, Crsitina Capelán, foron os encargados de facer entrega das Bandeiras ás tripulacións gañadoras. A Deputación destina 25.100 euros en premios aos equipos participantes.

González Formoso manifestou a súa satisfacción porque a situación sanitaria permita este ano "recuperar unha proba que é toda unha tradición cada verán nas costas da provincia da Coruña" e facelo ademais "cunha competición feminina que este ano chega a súa segunda edición, porque o remo feminino ten moitos éxitos por diante e vainos dar moitas alegrías na provincia da Coruña".

O presidente felicitou ás gañadoras e gañadores da Bandeira 2021 e agradeceu a impecable organización do evento, a cargo da Federación Galega de Remo que preside José Manuel Seijas.

Páxinas suxeridas