Estás en:Novas

O presidente da Deputación e o alcalde de Miño inauguran o renovado campo de fútbol de Gallamonde

As obras de renovación do campo, que conta con novo terreo de xogo de herba artificial, foron financiadas pola Deputación con 205.000 euros

O presidente da Deputación e o alcalde de Miño inauguran o renovado campo de fútbol de  Gallamonde

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, inauguraron esta tarde o renovado campo de Gallamonde. Á cita acudiu tamén o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

A actuación, que foi financiada pola Deputación da Coruña por un total de 205.000 euros, permitiu substituír o céspede antigo por outro de herba artificial de última xeración, que contribuirá a que se desenvolva no tapiz "unha práctica deportiva máis segura, previndo lesións", aseguraron Faraldo e Formoso.

Con esta actuación deuse, ao fin, carpetazo a un proceso que estivo moito tempo parado, pero que se canalizou e acelerado nos últimos meses coa colaboración do ente provincial.

"Por fin contamos no noso municipio cunhas instalacións de primeiro nivel, que acollen actividade do A.D. Miño en todas as súas categorías", apuntou Vázquez Faraldo, alcalde de Miño, quen tamén quixo agradecer "a implicación da Deputación da Coruña e do seu presidente á hora de executar proxectos que fomenten o deporte", insistiu.

Pola súa banda, Valentín González Formoso, subliñou o "papel clave" de Vázquez Faraldo para desbloquear e facer realidade este proxecto "necesario e amplamente demandado desde hai tempo no municipio".

Formoso destacou a importante aposta que a Deputación realiza para dotar aos municipios da provincia de infraestruturas deportivas de primeiro nivel, que fomenten o deporte entre a cidadanía.

Páxinas suxeridas