Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación financia con 235.000 euros a remodelación do campo de fútbol Eleuterio Balayo, en Muros

O proxecto é financiado ao 73% pola Deputación e permitirá ampliar o terreo de xogo, renovar o céspede e dotar de novo equipamento deportivo este espazo, no que se xogarán partidos de fútbol 11 e 8

As obras están en fase de licitación ata o 23 de setembro

O Plan Único da Deputación financia con 235.000 euros a remodelación do campo de fútbol Eleuterio Balayo, en Muros

A Deputación da Coruña, a través do Plan Único, fará posible a remodelación do campo de fútbol Eleuterio Balayo, en Muros. O proxecto ampliará o terreo de xogo e renovará o seu céspede, mellorando substancialmente unha infraestrutura moi empregada pola veciñanza.

"Seguimos a colaborar man a man cos concellos, neste caso con Muros, no acondicionamento de espazos deportivos da provincia, unha tarefa esencial para impulsar o deporte na provincia da Coruña e ofrecer á veciñanza unhas instalacións axeitadas para a correcta práctica da actividade física", explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

As obras contarán cun orzamento total de 235.000 euros, dos que a Deputación achega 170.806. O Concello será o encargado de subministrar os 64.194 euros restantes.

O campo presenta na actualidade certas deficiencias debido ao intenso uso que require. Co fin de solucionalo, substituirase o céspede artificial existente por un sintético de última xeración e ampliarase o terreo de xogo ata os 100 metros de longo e os 55 de ancho, con metro e medio de bandas laterais e dous metros nos fondos. Previamente a este cambio, repararase o firme da zona onde presente desperfectos e demolerase o muro de formigón existente no fondo norte, co posterior levantamento doutro tres metros cara fóra.

O campo contará cunha marcaxe para fútbol 11 e 8, podendo esta última modalidade celebrar dous partidos de forma simultánea. As tarefas de mellora do campo tamén incluirán a substitución da varanda existente por unha nova de aluminio que inclúa a zona ampliada, así como a dotación de novo equipamento deportivo. Á súa vez, ampliarase a canaleta de recollida de pluviais e substituiranse os canóns existentes da rede de rego.

As obras están en fase de licitación ata o vindeiro 23 de setembro, data ata que as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas para estas actuacións, que contan cun prazo de execución de tres meses.

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único da Deputación contribuíu á construción e mellora de 108 instalacións deportivas na provincia, cun investimento próximo aos 16 millóns de euros.

Páxinas suxeridas