Estás en:Novas

Esgotadas as prazas para as primeiras sesións de ‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia’

Apenas unhas horas tardaron en esgotarse as preto de 130 prazas dispoñibles para participar, esta fin de semana, nas dúas primeiras sesións do ciclo 'Espazos Sonoros' que terán lugar en diferentes enclaves do Concello de Brión

Esgotadas as prazas para as primeiras sesións de ‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia’

O ciclo 'Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia' inicia a súa andaina cunha gran demanda de público, tal e como demostra a rapidez coa que se esgotaron as prazas dispoñibles para a primeira fin de semana. Trátase das sesións que terán lugar nas contornas das igrexas de Cornada e A Luaña o sábado 11 e na de San Fins o domingo 12.

Convén lembrar que este ciclo chega, ao longo de tres fins de semana do mes de setembro, a diferentes enclaves patrimoniais da provincia da man das áreas de Cultura e Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña e dos concellos de Brión e Vimianzo. Así, 'Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia' Así, combina concertos musicais con rutas e visitas guiadas nun total de oito espazos: as Torres de Altamira e as igrexas de Cornada, Luaña e San Fins en Brión, o Pazo de Mariñán en Bergondo, a igrexa de Santiago de Cereixo e o Castelo de Vimianzo, e as Torres do Allo en Zas.

A participación nas diferentes sesións é de balde pero é preciso reservar praza a través do correo electrónico actividades@espazossonoros.org. Cada luns ábrese o prazo de inscrición para as actividades da fin de semana, de xeito que para a fin de semana do 18 e 19 de setembro ábrese o prazo de inscrición o luns 13, e para a fin de semana do 25 e 26 abrirase o prazo o luns 20.

Programa
Sábado 11 de setembro. Igrexas de Cornada e A Luaña, Brión.
Programa: A lírica medieval galego-portuguesa na tradición oral galega. Inclúe actuación musical de 'Manseliña' e ruta de músicas in itínere polas terras dos Moscoso con paradas en diferentes espazos.
Domingo 12 de setembro. Igrexa de San Fins, Brión
Programa: Il paradiso della música. Coa formación musical 'Ensemble Ony Waytars' e roteiro comentado polas Torres de Altamira.

Sábado 18 de setembro. Pazo de Mariñán, Bergondo
Programa: Músicas que arrecenden a lugares. Actuación musical a cargo da formación 'Dous' e visita guiada polo Pazo e xardíns.
Domingo 19 de setembro. Igrexa de Santiago de Cereixo, Vimianzo.
Programa: Labirinto. Formación musical 'Vivd Consort' e visita guiada pola contorna, que inclúe as Torres de Cereixo e paseo polo Río Grande e muíños da maré.

Sábado 25 de setembro. Castelo de Vimianzo.
Programa: Treides Comigo!. Con música de Xoan Curiel e visita polo Castelo
Domingo 26 de setembro. Torres do Allo, Zas.
Programa: Ben Vennas Maio. Con actuación de Pablo Pérez Sanmamed e visita ao conxunto das Torres.

Páxinas suxeridas