Estás en:Novas

As novas xornadas do programa ‘A Cultura é un Dereito’ poñen o foco no desafío de construír o modelo cultural postpandemia

A área de Cultura da Deputación da Coruña programa catro xornadas de reflexión crítica sobre igualdade e creación artística, o teatro amador, os museos locais e a sustentabilidade na cultura

As novas xornadas do programa ‘A Cultura é un Dereito’ poñen o foco no desafío de construír o modelo cultural postpandemia

"Entendemos que por forza temos que camiñar cara a un modelo cultural distinto ao existente e no que collan máis pulo valores que moitas veces quedan nas marxes do marco pre-establecido, como son a igualdade, a proximidade, a sutentabilidade ou a promoción de prácticas culturais que vaian máis aló dos retornos monetarios" asegurou esta mañá o deputado de Cultura, Xurxo Couto, na presentación da novas xornadas do programa 'A Cultura é un Dereito'.

Xurxo Couto estivo acompañado polas comisarias e comisario de cada unha das sesións: Clara R. Cordeiro comisaria da xornada 'A igualdade cultural (tamén) é un dereito: feminismos e creación contemporánea na Galiza'; Josefa Deibe comisaria da xornada sobre Teatro Amador; Araceli Abad comisaria da xornada dedicada a Museos locais; e Alberto García comisario da xornada sobre Cultura e Sustentabilidade.

Sobre as temáticas escollidas para este novo ciclo, o deputado provincial asegurou que o obxectivo pasa por entender "estas xornadas como unha plataforma para visibilizar a gran potencia do sector cultural galego, desde unha perspectiva moi ampla e dando cabida a disciplinas e prácticas que moitas veces quedan nas marxes do foco mediático". Tamén fixo fincapé en que, ao igual que en ocasións anteriores "deseñamos estes encontros da man de profesionais que coñecen en carne propia as particularidades de cada campo e que están capacitadas, desde a experiencia e a práctica profesional, para achegar propostas de futuro realistas e factibles".

Igualdade, Teatro Amador, Museos e Sustentabilidade
"É moi inxusto que a estas alturas aínda sigamos vendo programacións completamente masculinizadas ou masculinas e iso non debe ser xa tolerable" asegurou Clara R. Cordeito durante a presentación. Adiantou que o programa da xornada sobre Igualdade, que terá lugar os días 24 e 25 de setembro na Facultade de Ciencias da Comunicación, está integrado por creadoras de distintas disciplinas artísticas, audiovisuais e escénicas que combinarán o debate e a reflexión coa mostra das súas creacións. Tamén avanzou que ademais de abordar as eivas do sistema tamén se porá o foco nas fortalezas e nos puntos de encontro.

Pola súa banda, Josefa Deibe asegurou que a xornada sobre Teatro Amador, que terá lugar os días 22 e 23 no IES Rosalía Mera da Coruña, é unha oportunidade para poñer en valor o que se está a realizar desde grupos teatrais e entidades culturais a nivel público posto que "o Teatro Amador ocupa un lugar relevante a nivel social pero precisa un revulsivo para posicionarse na primeira liña a nivel cultural e ante as Administracións". Tamén indicou que o encontro servirá para amosar noutras Comunidades o que se está a realizar en Galiza neste campo.

Araceli Abad, comisaria da xornada sobre Museos locais que terá lugar os días 4,5 e 6 de novembro no Museo das Peregrinacións, explicou que o encontro servirá para analizar o abano de mellora no que teñen que traballar as institucións museísticas no relativo a difusión e creación de novos públicos. Durante tres días, esta xornada servirá de punto de encontro para relatores internacionais e do ámbito museístico galego, nomeadamente de museos locais de toda Galiza.
Alberto García, comisario da xornada sobre Cultura Sustentable que terá lugar o día 1 de novembro, reivindicou a Sutentabilidade como "unha nova forma de traballar" vinculando a cultura a criterios que vaian máis aló da sustentabilidade ambiental e inclúa criterios sociais, como por exemplo a promoción do amador, da lingua propia e a igualdade de xénero; a criterios políticos, entendendo a cultura como un elemento de transformación social e crecemento persoal; e a criterios económicos e laborais, entendidos como a loita contra a precariedade dos e das traballadoras do sector. Tamén aproveitou para chamar a atención sobre a propia palabra 'sustentabilidade' asegurando que "xa empeza a vulnerarse e a ser utilizada como unha estratexia de márketing baleira", unha cuestión que tamén será abordada na xornada de decembro.

A programación das xornadas e os correspondentes formularios de inscrición están accesibles na web aculturaeundereito.gal 

Páxinas suxeridas