Estás en:Novas

A Deputación inicia os trámites de expropiación para as obras de mellora integral da seguridade na estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas

Supoñen un investimento de 1.863.708 euros, dos que 248.239 corresponden ás expropiacións

Trátase do maior investimento programado pola área de Vías e Obras neste ano

As obras inclúen a construción de case dous quilómetros de senda peonil e a modificación do trazado para eliminar as curvas perigosas existentes no núcleo de Padreiro

A Deputación inicia os trámites de expropiación para as obras de mellora integral da seguridade na estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas

FOTO (Arquivo). Visita do deputado de Obras, José Manuel Pequeño, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, á zona

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 115 predios afectados polo proxecto de ampliación ampliación e mellora da seguridade da estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo.

Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados os días 29 e 30 de setembro na Casa da Cultura de Vimianzo.

As obras suporán un investimento de 1.863.708 euros, dos que 1.615.469,64 corresponden ao financiamento das obras e os restantes 248.239 € destinaranse ás expropiacións necesarias para a execución das mesmas.

Trátase do maior investimento programado este ano pola área de Vías e Obras da Deputación que dirixe o deputado José Manuel Pequeño. O proxecto permitirá construír unha senda para peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado actual da vía no núcleo de Padreiro, que presenta curvas perigosas nas que se rexistra unha elevada sinistralidade.

A necesidade de acometer unha mellora integral da seguridade deste vial foi unha das cuestións prioritarias que a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, trasladou ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, deste o inicio do mandato.

Tras as visitas do presidente provincial e o deputado de Obras á zona e a redacción do correspondente proxecto técnico de mellora da seguridade, a Deputación deu hoxe un novo paso nesta necesaria mellora da rede provincial de estradas, iniciando os trámites para as expropiacións que permitirán á veciñanza das vivendas lindeiras coa DP 9203 dispor dun novo itinerario peonil accesible e seguro e que os máis pequenos tamén poidan acceder con seguridade ao bus escolar que para na zona.

A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorrerá desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá ademais unha nova estrutura ao paso do río Castro, onde a existente carece de capacidade para desaugar necesaria.

O proxecto tamén inclúe a mellora do trazado da estrada no punto quilométrico 4+500, actualmente moi sinuoso, con curvas de radio reducido á altura do núcleo de Padreiro de Abaixo. A través desta medida preténdese que o radio mínimo sexa de 250 metros, cunha sección de plataforma de sete a nove metros pavimentado con mestura bituminosa en quente.

Páxinas suxeridas