Estás en:Novas

A Deputación inicia os trámites de expropiación para a construción dunha senda peonil no entorno do aeroporto de Alvedro

Conectará os 1,8 quilómetros que separan os núcleos de Alvedro e Tarrío ao seu paso por Liñares e suporá un investimento de 553.442 euros

Os titulares dos terreos están citados o día 21 de setembro na Casa do Concello para o pago dos depósitos previos.

A Deputación inicia os trámites de expropiación para a construción dunha senda peonil no entorno do aeroporto de Alvedro

Foto (Arquivo).O presidente da Deputación e o alcalde de Culleredo visitaron o núcleo de Liñares, onde se desnevolverán as obras

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 22 predios afectados polo proxecto construción dunha senda peonil na estrada DP-3104 ao seu paso polo núcleo de Liñares (Culleredo), no entorno do aeroporto de Alvedro.

Unhas obras nas que a institución provincial investirá 553.442 de euros, aos que se suman os 11.899 € que se destinan ás expropiacións necesarias para a súa execución.

Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados o día 21 de setembro, entre as 16.00 h. e as 16.45 h. no salón de Plenos da Casa do Concello de Culleredo.

As obras suporán a construción dunha senda peonil de preto de 1,8 quilómetros de lonxitude, que partirá da Igrexa antiga de Santo Estevo (Tarrío) e rematará na intersección da DP 3104 coa estrada N-550 en Alvedro.

Segundo explicou o alcalde da localidade e deputado provincial, José Ramón Rioboo, a área de Vías e Obras da Deputación "atende coa posta en marcha deste proxecto unha antiga reivindicación do Concello de Culleredo e da veciñanza de Liñares para mellorar a seguridade peonil nun núcleo que, a pesar de contar con numerosas vivendas nas marxes da estrada, carecía ata agora dun itinerario peonil seguro".

A senda terá dúas tipoloxías diferenciadas. Na zona onde hai vivendas ( entre os PK 1+360 e 2+305) estará construída con lastro prefabricado de formigón sobre base de lastre, morteiro e formigón; mentres que no resto da obra construirase con aglomerado asfáltico, a medio metro da marca vial do borde actual da estrada. Nos cruces de rúas, o lastro de formigón será substituído por pavimento de lastro de pedra natural.

Durante as obras será necesario executar algúns muros e retranquear o eixe da estrada en dous tramos: na zona da parada do bus existente entre os 1+393 e 1+509 e na zona comprendida entre os quilómetros 1+609 e 1+837, onde se desmontará o noiro existente e se executará un muro de mampostería na marxe esquerda, ampliando un metro o ancho da estrada para conseguir un itinerario accesible na senda. Nestes tramos dotarase de nova capa de rodaxe a toda a calzada.

A senda contará a longo do seu percorrido con rede de recollida de pluviais con tubos de PVC e os correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros. Tamén se reporán algúns servizos afectados polas obras como determinados tramos de saneamento e algúns postes do alumeado público.

Finalmente, renovarase a sinalización vertical e horizontal de todo o tramo, instalando o balizamento e proteccións necesarias.

O prazo de execución será de catro meses a partir do inicio das obras.

Páxinas suxeridas