Estás en:Novas

Os obradoiros de fotografía do Premio Ksado xa contabilizan máis de 150 persoas inscritas

O fotógrafo de National Geographic, Tino Soriano, impartirá o primeiro obradoiro o 30 de setembro, e a fotógrafa da axencia Magnun, Lúa Ribeira, impartirá o seguinte o 6 de outubro. Ambas sesións terán lugar no Centro Ágora da Coruña

O gañador do Premio Ksado desta edición, o fotógrafo José Manuel López, impartirá un obradoiro exclusivo para alumnado da Facultade de Ciencias de Comunicación o 14 de outubro

Os obradoiros de fotografía do Premio Ksado xa contabilizan máis de 150 persoas inscritas

A comezos desta semana vén de abrirse o prazo de inscrición para participar nos dous obradoiros de fotografía da programación do premio Luís Ksado de Creación Fotográfica, que nesta edición serán impartidos polo fotógrafo de National Geographic, Tino Soriano, e pola fotógrafa da axencia Magnun, Lúa Ribeira. Os dous obradoiros terán lugar no Centro Ágora da Coruña e neste momento xa se contabilizan máis de 150 persoas inscritas.

Ademais, o gañador do Premio Ksado desta edición, o fotógrafo leonés José Manuel López Pérez, impartirá un obradoiro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, exclusivo para o alumnado, o 14 de outubro.

Os obradoiros, que están coordinados polo fotógrafo Xurxo Lobato, son de balde até completar a capacidade de 250 persoas para cada sesión. O obradoiro impartido por Tino Soriano terá lugar o 30 de setembro de 16h a 20h, e o de Lúa Ribeira terá lugar o 6 de outubro, tamén de 16h a 20h. En ambos os dous casos o prazo de inscrición pecharase o día anterior (o 29 de setembro e o 5 de outubro respectivamente) ás 14h. O formulario de inscrición está accesible en https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/formulario-inscricion-para-os-obradoiros/ 

Tino Soriano (Barcelona, 1955) foi premiado en varias ocasións pola Unesco e recibiu o prestixioso Lente de Plata Mexicano. Posúe cinco galardóns Fotopress, Fotógrafo Español del Año Fujifilm, NikonPro, Canon-Europa, a distinción 'The Essence of Humanity' e un World Press Photo na categoría Arte. Ten escrito e ilustrado numerosos libros de fotoxornalismo e fotografía. "Los Secretos de la Fotografía de Viajes","Ayúdame a mirar", "Fotografía con una sonrisa", "BanyoleSpeculum", "CurArte" e "Los colores y tú" son os seus últimos ensaios. Colaborou con revistas de todo o mundo e recibiu recoñecementos da OMS pola divulgación da sanidade a través das súas reportaxes e forma parte do reducido grupo de fotógrafos na páxina oficial da National Geographic Society en Washington D.C.

Lúa Ribeira (As Pontes, 1986)  recibiu varios premios e distincións, entre eles a Beca Firecracker para Mujeres en Fotografía e o premio Jerwood / Photoworks. O seu traballo foi publicado en forma de libro por Fishbar,Londres en 2017, aparece na publicación Firecrackers: Female Photographer Now publicado por Thames y Hudson en 2017, e en Raw View Magazine's,"Women looking at Women" en 2016. As súas fotografías foron exhibidas internacionalmente en exposicións individuais e colectivas en lugares como
Impressions Gallery, Bradford, Fotogallery Cardiff, Belfast Exposed Gallery, e
Beijing International Photography Biennale. Tamén ten publicado en British Journal of Photography, Paper Journal, Refinery 21, AnOther e Tate magazine. Entre os seus clientes comerciais cóntanse Chanel, Carla Lopez, Birmingham Botanical Gardens e Wire Magazine.

Páxinas suxeridas