Estás en:Novas

A Deputación investirá 1,1 millóns de euros na construción dunha senda peonil de máis de 3 quilómetros en Centroña (Pontedeume)

Valentín González e Bernardo Fernández anunciaron hoxe a reactivación deste proxecto, que será aprobado no pleno deste venres, e que suporá o último tramo das sendas que comunican Pontedeume con Miño

A senda mellorará a seguridade dos peóns na transitada estrada provincial que conecta Pontedeume e Miño ao seu paso polos núcleos de Ventosa, Vizus, O Portiño e Centroña

A Deputación vén de rematar as obras que melloran a seguridade da veciñanza e os escolares de Andrade, coa construción dunha senda peonil, o ancheamento da estrada, a habilitación de novas zonas de aparcamento e a mellora do alumeado público

A Deputación investirá 1,1 millóns de euros na construción dunha senda peonil de máis de 3 quilómetros en Centroña (Pontedeume)

Valentín González e Bernardo Fernández visitaron a senda de Andrade, que mellora a seguridade de veciños e escolares

A Deputación da Coruña aprobará no pleno deste venres un importante investimento de 1.148.000 euros para activar as obras de construción dunha senda peonil de máis de 3 quilómetros de lonxitude que conectará os núcleos eumeses de Ventosa, Vizus, O Portiño e Centroña, garantindo a seguridade dos peóns que transitan polas marxes da estrada DP 4803.

Así o anunciou hoxe o presidente, Valentín González Formoso, durante unha visita a Pontedeume na que estivo acompañado polo alcalde e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, e na que supervisaron tamén o resultado das obras de mellora da seguridade viaria executadas pola Deputación no entorno do colexio de Andrade. Representantes das asociacións veciñais de Centroña e Andrade acompañaron o alcalde e o presidente durante a visita.

González Formoso anunciou que o pleno "dará luz verde definitiva este venres a un importante investimento de 1,1 millóns, que permitirá mellorar a seguridade nunha estrada que rexistra un elevado volume de tráfico diario, pois conecta os concellos de Miño e Pontedeume pola costa e dá acceso a numerosas praias do municipio".

Formoso destacou que "a aposta pola seguridade peonil, a humanización das travesías e por unha mobilidade máis sostible" desde a área de Vías de Obras da institución provincial permitiu a construción de máis de 60 quilómetros de sendas e beirarrúas nos últimos anos.

Pola súa banda, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, destacou "a reactivación definitiva" dun antigo proxecto que "dá resposta a unha demanda veciñal desde hai 20 anos e suporá unha mellora importante da seguridade viaria para as numerosas persoas que se desprazan a pé pola zona para ir ás praias, ao cemiterio ou ao local social e que ata agora tiñan que transitar pola estreita marxe da calzada"

O rexedor eumés sinalou tamén que as obras supoñen "a última fase de construción das sendas que comunican Pontedeume con Miño. As primeiras foron hai décadas no Concello de Miño, en 2015 construíuse o tramo que conecta Perbes con Boebre e agora toca este último tramo, entre A Anduriña e Caldagueiro (Pontedeume), polo que unha vez rematadas as obras a estrada contará cunha senda na súa totalidade", indicou.

Ademais, o alcalde anunciou que a Deputación comezará a redacción do proxecto para a construción de novas sendas en Nogueirosa e Ombre, que conectarán Pontedeume co parque natural das Fragas do Eume e que se executará por fases.

Un entorno máis seguro para a veciñanza e os escolares en Andrade

O día antes do inicio do curso escolar, Valentín González e Bernardo Fernández supervisaron tamén as obras, xa rematadas, de mellora da seguridade viaria no núcleo de Andrade, nas que a institución provincial investiu 310.000 euros.

O presidente provincial e o alcalde de Pontedeume destacaron que será "un inicio de curso máis seguro para o alumnado e tamén para os veciños da zona", tras os traballos que permitiron anchear a calzada de 5 a 7 metros, construír unha senda de dous metros de ancho para que o alumnado poida acceder a pé con seguridade ao centro escolar, crear novas zonas de aparcamento de vehículos e renovar completamente o alumeado público da zona.

"Gañamos en seguridade tanto para os escolares como para os veciños e veciñas de Andrade, pois por esta estrada circulan un número importante de vehículos cada día", afirmou o alcalde, que constatou que a senda "xa está sendo empregada pola veciñanza para os seus paseos" e agradeceu "a colaboración e xenerosidade" dos veciños para ceder os terreos e facer realidade este proxecto.

Páxinas suxeridas