Estás en:Novas

Xa dispoñibles en liña as aulas científicas sobre meteoroloxía e clima da Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate

Pódese acceder aos vídeos desta terceira edición das xornadas a través de www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas-cientificas-2021 e www.cabana.gal/astronomiadombate.

Os contidos contan con sesións a cargo de investigadoras e divulgadoras do talle de Susana Bayo Besteiro, Juan Taboada Hidalgo, Mabel Montes Rama e Xavier Fonseca Blanco baixo a coordinación do físico e catedrático da USC Jorge Mira.

Xa dispoñibles en liña as aulas científicas sobre meteoroloxía e clima da Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate

As terceiras xornadas científicas da Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate, 'Meteoroloxía e clima', xa están dispoñibles en aberto a través de www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas-cientificas-2021 e www.cabana.gal/astronomiadombate. Estas aulas contan coa organización da Deputación da Coruña e do Concello de Cabana en colaboración co físico e catedrático da USC Jorge Mira.

Entre as sesións dispoñibles atópase a de Mabel Montes Rama, presentadora do informativo meteorolóxico na Televisión de Galicia, que explica como é 'Contar o tempo pola tele'. Pola súa banda, Juan Taboada Hidalgo, coordinador de MeteoGalicia, afonda nas particularidades climáticas da nosa comunidade con 'De onde vén a riqueza meteorolóxica de Galicia? Explicación dos numerosos microclimas galegos'. Tanto Mabel Montes como Juan Taboada participan nunha mesa redonda co físico e catedrático da USC Jorge Mira onde debaten 'Como será a información meteorolóxica do futuro?'.

Susana Bayo Besteiro, investigadora no EPhysLab da Universidade de Vigo e directora e presentadora de El Tiempo en Telemiño e o xornal La Región, tamén participa nas aulas con 'A pelexa da ciencia contra o cambio climático'. Xavier Fonseca Blanco, xornalista científico de La Voz de Galicia, aporta respostas a unha pregunta común entre a sociedade actual: 'Está o tempo tolo? Non, a culpa é do Jet Stream'.

Susana Bayo, Xavier Fonseca e Jorge Mira pechan esta terceira edición da Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate cunha mesa redonda onde analizan 'O cambio climático que nos vén enriba'.

Lembramos que A Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate son aulas científicas de carácter trimestral que se celebran en Cabana de Bergantiños e que teñen como obxectivo achegar a ciencia e a cultura á poboación a través dos propios investigadores.

Páxinas suxeridas