Estás en:Novas

González Formoso clausura a Mostra de Artesanía en Vivo do Castelo de Vimianzo

Modelos chegados de toda a Costa da Morte ocuparon unha pasarela repleta de vestimentas e complementos elaborados na fortaleza soneirá

O presidente felicitou os artesáns e artesás locais por manter vivos oficios e  tradicións seculares 

González Formoso clausura a Mostra de Artesanía en Vivo do Castelo de Vimianzo

As creacións das artesás e artesáns locais cobraron vida esta tarde no patio de armas do Castelo de Vimianzo co Desfile do liño, nun acto organizado pola Asociación de Amigos do Liño de Galicia que preside Carmen Riveiro, e que contou coa colaboración do Concello de Vimianzo e da Deputación da Coruña.

Modelos chegados de toda a Costa da Morte ocuparon unha pasarela repleta de vestimentas e complementos elaborados na fortaleza soneirá, nunha cita que serviu como peche ao programa Artesanía en vivo, desenvolto cada sábado durante o verán neste xenuíno enclave vimiancés.

O acto foi conducido pola xornalista vimiancesa Alba Mancebo, e asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, membros do goberno local e varios dos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, resaltou "o traballo incansable das artesás e artesáns", unha maneira de facer arte que "é extensión da vosa personalidade, das vosas almas e que lle amosa ao mundo a vosa sensibilidade, delicadeza e mestría", destacando no seu discurso que "vós sodes quen de continuar o que, moito tempo atrás, comezaron os nosos antepasados e tedes a honra de manter viva a identidade de Galicia".

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou o compromiso "das persoas que integran o corpo de artesanía que, cada verán, manteñen viva a nosa esencia e o que significamos para o mundo enteiro", á vez que fixo fincapé no "compromiso obrigado das administracións para continuar promovendo este tipo de actividades, esenciais para facer extensible algo que, como ben dixo Mónica, comezou a nosa xente ben tempo atrás".