Estás en:Novas

Antonio Leira destaca o éxito do Mercado da Deputación no Festival de La Luz

O Mercado contou este ano con 42 artesáns e produtores locais procedentes de 25 concellos da provincia e gozou dunha gran afluencia de público

Antonio Leira destaca o éxito do Mercado da Deputación no Festival de La Luz

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, visitou o Mercado da Deputación no Festival de La Luz, que durante esta fin de semana se celebrou en Boimorto.

Durante estes días, un total de 42 empresas e asociacións coruñesas do ámbito da artesanía, a ecoloxía, a creación artística ou a innovación compartiron os postos instalados pola Deputación no Mercado da Luz, unha gran área de 500 metros cadrados situada entre os escenarios do evento, onde se realizaron exposicións, presentacións e degustacións dos seus produtos, que gozaron dunha gran aceptación entre o público.

Antonio Leira conversou cos artesáns e produtores locais que participaron no evento para interesarse pola súa actividade e pola actividade do Mercado e asistiu aos concertos deste domingo.

O deputado destacou o éxito desta nova edición do Mercado e afirmou que, "ademais da vertente cultural e solidaria, o Festival de La Luz é o lugar idóneo para feiras coma esta, que permiten mostrar o mellor da nosa artesanía e o gran potencial que ten o rural coruñés".

Nesta edición do Festival, 42 produtores e produtoras instalaron os seus postos no Mercado Deputación da Coruña procedentes de concellos coma Ames, Cambre, Santiago de Compostela, Sada, Ordes, Santa Comba, Noia, Malpica, Ferrol, O Pino, A Coruña, Camariñas, Cabanas, Valdoviño, Neda, Melide, Vedra, Ponteceso, Arzúa, Miño, Paderne, Abegondo, Culleredo, Curtis ou Oroso.