Estás en:Novas

A artista Irene Grau gaña o Premio Díaz Pardo da Deputación da Coruña

O xurado escolleu por unanimidade a obra titulada "Sobre lo que resta / 162114-W-2" elaborada con cinzas recollidas nos incendios de Galiza en 2017 sobre lenzo

A artista Irene Grau gaña o Premio Díaz Pardo da Deputación da Coruña

A artista Irene Grau (Valencia, 1986) coa súa obra titulada "Sobre lo que resta / 162114-W-2" é a gañadora do XVII certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas da Deputación da Coruña. A obra está realizada con cinzas recollidas dos incendios en Galiza en 2017 sobre lenzo.

Un xurado composto por Elena Bangueses, David Barro, Xosé Manuel Buxán, Ánxela Caramés e Mauro Trastoy –gañador da edición anterior- escolleu por unanimidade a obra da artista Irene Grau de entre as corenta finalistas que foran seleccionadas do total das presentadas a esta nova convocatoria do Premio Díaz Pardo de Artes Plásticas da Deputación da Coruña.

O xurado valorou a calidade da obra presentada e titulada "Sobre lo que resta / 162114-W-2" e de xeito especial "a súa orixinalidade e capacidade conceptual e crítica para transferir a paisaxe e o contexto galego á pintura". Tamén salientou "a coherencia á hora de traballar o pictórico a partir da acción de camiñar e de observar a realidade", así como "a sustentabilidade dos usos dos materiais empregados" en referencia á cinza procedente dos incendios do ano 2017.

A artista Irene Grau (Valencia, 1986), vive e traballa en Santiago de Compostela e é doutora en Belas Artes pola Universidad Politécnica de Valencia. En 2010 recibiu unha bolsa de Excelencia Académica e de 2011 a 2015 a bolsa FPU concedida polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para desenvolver os seus estudos de doutoramento.

Foi recoñecida a nivel estatal e internacional con premios como Generaciones 2018, as Becas de Creación Artística en el Extranjero Gas Natural Fenosa 2017 MAC, A Coruña, o Premio Mardel Artes Visuales 2017, ou o premio PhotoEspaña Of Festival en 2015. En 2016 foi incluída na lista Forbes "30 Artists under 30 – Europe".

Ten amosado o seu traballo en exposicións individuais en institucións e galerías europeas e americanas como o Abroms-Engel Institute for the Visual Arts (AEIVA) en Birmingham,US; Madison Museum of Contemporary Art (MMoCA) en Madison, US; Projeto Fidalga en São Paulo, Brasil; a galería Heike Strelow en Frankfurt, Alemaña, e no Centro de Arte Alcobendas, Madrid; así como en exposicións colectivas en La Casa Encendida en Madrid; o CaixaForum de Barcelona; o CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Madrid; ou no CDAN Centro de Arte y Naturaleza, Huesca. Recentemente amosou proxectos específicos en Bombón Projects en Barcelona; na Fundación Cerezales Antonino y Cinia – FCAYC; IVAM en Alcoi, Valencia, e na Fundación DIDAC en Santiago de Compostela.

Páxinas suxeridas