Estás en:Novas

A Deputación licita a redacción dos proxectos para humanizar un tramo do Camiño Inglés entre Miño e Paderne e renovar a avenida de Santa Cristina, en Oleiros

En Miño construirase unha senda de 1,3 quilómetros para conectar a Ponte do Porco e A Ponte do Lambre cun itinerario seguro para peóns

O outro proxecto formulará a remodelación da DP-5804 no acceso á praia de Santa Cristina, en Oleiros, atendendo ás necesidades actuais da poboación

A redacción de ambos proxectos conta cun presuposto total de 39.126 euros

A Deputación licita a redacción dos proxectos para humanizar un tramo do Camiño Inglés entre Miño e Paderne e renovar a avenida de Santa Cristina, en Oleiros

FOTO (ARQUIVO). Visita do presidente da Deputación e os alcaldes de Miño e Paderne á zona onde se prevé a actuación no Camiño Inglés entre a Ponte do Porco e Ponte do Lambre

A Deputación da Coruña licita por importe total de 39.126 euros a redacción de dous proxectos para acondicionar as estradas DP-4804 e DP-5804 ao seu paso polos municipios de Miño e Oleiros. Ambos estudos pretenden renovar e remodelar as plataformas destas estradas para garantir unha maior seguridade peonil e viaria en tramos moi transitados pola veciñanza, así como por visitantes e peregrinos.

O proxecto da DP-4804 de Ponte do Porco á Ponte do Lambre, entre os concellos de Miño e Paderne, realízase co obxectivo de ampliar esta vía, na que coexisten vehículos e peregrinos, xa que forma parte do itinerario do Camiño Inglés a Santiago.

Tal como comprometera o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a súa visita á zona o pasado mes de febreiro, o departamento de Vías e Obras licita a redacción dun proxecto destinado a anchear un tramo de 1,3 quilómetros desta estrada, que conta na actualidade cunha anchura inferior aos catro metros e habilitar unha zona segura para a circulación peonil, da que non dispón actualmente, a pesar de formar parte deste itinerario xacobeo que percorren cada ano miles de peregrinos. O espazo no que se actuará abrangue desde o comezo da estrada ata onde o Camiño de Santiago se desvía cruzando unha ponte sobre o Río Lambre.

A redacción do proxecto estará coordinada xunto coa Xunta de Galicia, dada a súa incidencia directa nesta ruta xacobea. A acción tamén proxecta a creación dunha pasarela peonil no tramo que discorre baixo un paso superior da vía de ferrocarril Betanzos-Ferrol. Trátase dun proxecto tecnicamente complexo pois require a colaboración de varias administracións.

A Deputación destina un presuposto de 24.693 euros á redacción do proxecto, en fase de licitación ata o 28 de setembro.

Reurbanización da avenida Santa Cristina, en Oleiros

Por outra banda, a Deputación licita tamén un proxecto para a reurbanización da avenida principal de Santa Cristina (DP-5804), en Oleiros.

Na actualidade, este tramo dispón de dous carrís separados por unha mediana axardinada, zonas de aparcamento e beirarrúas en ambas as dúas marxes. A actuación a analizar no estudo basearase na remodelación de espazos atentendo ás necesidades actuais da veciñanza e incluirán novos pavimentos, beirarrúas e alumeado.

O contrato inclúe a realización dun levantamento topográfico da vía un estudo xeotécnico e unha análise do volume de tráfico diario que soporta a vía, ademais de solicitar propostas para que a afección ao tráfico sexa o menor posible durante a execución das obras.

A Deputación dedica un presuposto de 14.433 euros á redacción do proxecto, en fase de licitación ata o 28 de setembro.

Páxinas suxeridas