Estás en:Novas

González Formoso propón estudar a introdución de “cláusulas de reto demográfico” nos contratos públicos que axuden a fixar poboación no rural

Destacou que claúsulas sociais introducidas hai uns anos nos contratos públicos de obras e servizos permitiron grandes avances no relativo a dereitos laborais ou de xénero e propón unha iniciativa similar que prime a activación do rural

"Ao fío das melloras na conectividade, a extensión da banda ancha e o 5G dos últimos anos, sería interesante discutir o encaixe legal de incorporar claúsulas nas contratacións públicas que permitan prestar servizos desde zonas alonxadas dos cascos urbanos e das áreas metropolitanas", afirma o presidente provincial

O presidente da Deputación inaugurou hoxe en Mariñán un curso da UIMP que reunirá a algúns dos principais expertos en reto demográfico de toda España e que será clausurado o sábado polo ministro de Universidades, Manuel Castells.

González Formoso propón estudar a introdución de “cláusulas de reto demográfico” nos contratos públicos que axuden a fixar poboación no rural

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, propuxo hoxe "unha maior implicación de todas as administracións públicas para afrontar os problemas derivados do reto demográfico" e propuxo estudar a posibilidade legal de introducir nos pregos de contratación pública "cláusulas de reto demográfico similares ás cláusulas sociais introducidas hai uns anos nos contratos públicos de obras e, sobre todo, de servizos, que permitiron grandes avances no relativo a dereitos laborais ou de xénero".

González Formoso considerou que aínda que por primeira vez "o reto demográfico está no foco do Goberno, é necesario abordar o problema desde unha perspectiva máis transversal" e propuxo que, ao fío das melloras na conectividade, a extensión da banda ancha e o 5G dos últimos anos, sería interesante discutir o encaixe legal de "incorporar cláusulas nas contratacións públicas que permitan prestar servizos desde zonas alonxadas das zonas urbanas e das áreas metropolitanas", que axudarían a crear emprego e actividade económica e a fixar poboación no eido rural.

"Galicia tiña nos anos 60 a mesma poboación de Irlanda, hoxe Irlanda ten 5 millóns de habitantes, case o dobre que Galicia. Algo se fixo mal ou algo se deixou de facer para que isto ocorra, pese a que temos un enorme potencial en moitos aspectos, como que estamos no centro das dúas principais rutas marítimas do mundo", sostivo o presidente da Deputación.

Valentín González lanzou esta proposta no curso da UMIP "Retos demográficos e políticas públicas para España despoboaba", que hoxe inaugurou no Pazo de Mariñán (Bergondo), xunto á alcaldesa do municipio, Alejandra Pérez Máquez, e á directora da UIMP-Galicia, Obdulia Taboadela.

Ao respecto, Taboadela remarcou que un dos directores do curso, o profesor Francisco Ramos Antón, "xa publicou algunha reflexión, desde o punto de vista sociolóxico e legal, sobre a necesidade de incluír estas cláusulas demográficas na lexislación", apuntando que se trata "dunha das posibilidades máis innovadoras para loitar contra a despoboación do rural".

O Pazo de Mariñán acollerá conferencias, coloquios e mesas redondas ao longo do día de hoxe, xoves 16, e do venres 17 e sábado 18. No encontro daranse cita representantes de diferentes administracións, institucións e empresas, así como profesores e catedráticos de toda España, que abren un lugar de reflexión sobre os retos demográficos aos que se enfronta Galicia e España desde a visión científica, sociolóxica, medioambiental, institucional ou laboral e con perspectiva de xénero.

As xornadas comezaron hoxe cunha mesa redonda na que participou González Formoso xunto á presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), Teresa López, e á alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, sobre "Políticas de cohesión e desequilibrios territoriais en España. La voz del mundo local".

A programación de hoxe continuará coa participación da catedrática de Historia da Economía de Santiago de Compostela, María Xosé Rodríguez Galdo, coa conferencia e coloquio sobre as "Recomendacións para unha estratexia normativa fronte aos retos demográficos" e coa profesora de Xeografía da Universidade de Valladolid, Milagros Alario Trigueros, co relatorio "A estratexia Leader e a súa contribución á sostibilidade dos espazos rurais".

O punto final á sesión inaugural poñerao a mesa redonda "Tecnoloxía e creatividade fronte aos retos da España despoboada. A voz das empresas" da man da subdirectora de Relacións Internacionais e Sostibilidade de Correos, Elena Fernández, a directora de Relacións Institucionais e Sostibilidade de Greenalia, Beatriz Mato, e o presidente de Tragsa, Jesús Casas Grande.

Programación para os vindeiros días

Venres 17 de setembro

10:00-11:30 h. Conferencia e coloquio

Cara un segundo renacemento rural. Joan Romero González. Catedrático de Xeografía Universidade de Valencia

A España despoboada desde a ciencia. Carmen Martínez Rodríguez. Profesora do CSIC e coordinadora da rede ALCINDER

12:00.14:00. Conferencia e coloquio

Cartografía do despoboamento en España. Fernando Molinero Hernando. Catedrático emérito de Xeografía. Universidade de Valladolid

A brecha rural-urbana. Desenvolvemento sen benestar. Luis Camarero Rioja. Catedrático de Socioloxía da UNED

16:00-18:00. Conferencias e coloquio

Segregación ocupacional e actitudes cara a desigualdade no mundo rural. Margarita Torre Fernández. Profesora de Socioloxía da Universidade Carlos III. Madrid

Perspectiva de xénero e sostibilidade social no medio rural. Fátima Cruz Souza. Profesora de Psicoloxía Social da Universidade de Valladolid

18.30-20:30. Mesa redonda

Emprendemento social e institucional fronte o despoboamento. A voz da innovación social

Joaquín Alcalde Sánchez. Director de Cives Mundi (El Hueco)

Natalia Serrano. Directora de Emprego e Emprendemento Solidario. Fundación Santa María la Real

Juan Ávila Francés, director do Dpto. de Innovación da Rede Eléctrica de España

José Antonio Guillén. Red SSPA (Áreas escasamente poboadas do sur de Europa)

Sábado 18 de setembro

10.00-12:00. Conferencias e coloquio

A loita contra o despoboamento: políticas transformadoras ou de paliativos Cristóbal Gómez Benito. Profesor de Socioloxía da UNED

O efecto do hábitat sobre o voto. Juan Jesús González Rodríguez. Catedrático Socioloxía UNED

12:00-13:30. Acto de clausura. A Universidade e o reto demográfico. Manuel Castells. Ministro de Universidades.