Estás en:Novas

A Deputación apoia unha nova edición do EcoRallye da Coruña, que percorrerá 21 concellos da provincia esta fin de semana

Nesta carreira de automóbiles eléctricos non se premia a velocidade, senón a regularidade e o baixo consumo dos vehículos

González Formoso subliña que o EcoRallye é única proba destas características en Galicia e augura un gran futuro para este tipo de probas

"Non cría que este tipo de probas podían ser tan apaixonantes", afirma Luis Moya, que destaca que "o problema do vehículo eléctrico é a infraestrutura, non a autonomía"

A carreira pasará pola Capela, A Laracha, Abegondo, Arteixo, As Pontes, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Coirós, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Pontedeume, Sada e Vilarmaior

A Deputación apoia unha nova edición do EcoRallye da Coruña, que percorrerá 21 concellos da provincia esta fin de semana

A Deputación da Coruña apoia unha nova edición do EcoRallye da Coruña, que este sábado e domingo percorrerá un total de 21 concellos da provincia, con saídas e chegadas desde a cidade herculina.

O evento foi presentado esta mañá na sede da institución provincial nun acto que contou coa asistencia do presidente, Valentín González Formoso, a deputada de Deportes, Cristina Capelán; a concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez, o presidente da Escudería Coruña, organizadora do rallye, Alberto González; o director da carreira, José Manuel Valeiro e o ex piloto de rallyes, Luis Moya.

Valentín González destacou que o EcoRallye da Coruña é a única proba das súas características que se celebra en Galicia e augurou "un gran futuro" a este tipo de carreiras, "que terán cada vez un papel máis destacado".

Durante a fin de semana, o EcoRallye discorrerá por 21 concellos da provincia A Capela, A Laracha, Abegondo, Arteixo, As Pontes, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Coirós, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Pontedeume, Sada e Vilarmaior, "achegando o vehículo eléctrico a zonas rurais onde menos se ven", afirmou o director da carreira, José Manuel Valeiro.

Valeiro explicou que na carreira "non se premia a velocidade, senón a regularidade e os baixos consumos dos vehículos" e explicou algúns detalles innovadores da proba, como que a cronometraxe realízase vía GPS.

"Non cría que este tipo de probas podían ser tan apaixonantes", afirmou Luís Moya, un dos copilotos de rallye máis laureados do mundo nesta disciplina deportiva. "Tés que estar moi concentrado porque non é nada fácil lograr a regularidade", apuntou.

Moya manifestouse "encantado de que a carreira se dispute na Coruña" e afirmou que, desde o seu punto de vista, "o problema do vehículo eléctrico é a infraestrutura, non a autonomía". "Cando viaxamos cun vehículo de gasolina non nos preocupamos da autonomía, porque sabemos que sempre hai unha gasolineira preto", explicou.

Páxinas suxeridas