Estás en:Novas

As Pontes intégrase na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación cun coworking centrado nas enerxías renovables e o hidróxeno

O proxecto "GreenCoworking As Pontes" desenvolverase en colaboración con SEARA co obxectivo de promover o emprendemento no sector das renovables, cun amplo potencial de crecemento nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

Valentín González Formoso asinou hoxe o convenio de colaboración co presidente de SEARA, José Castro Romero

Con esta nova incorporación, a Rede de Coworkorking amplíase a nove centros na provincia. Oleiros, Carballo, Brión, Boiro, Ames, Moeche, A Capela e Vedra xa contan con centros da Deputación para impulsar o emprendemento

As Pontes intégrase na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación cun coworking centrado nas enerxías renovables e o hidróxeno

As Pontes súmase á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña coa posta en marcha do "GreenCoworking As Pontes", un espazo destinado a apoiar proxectos emprendedores relacionados co eido das enerxías renovables e o hidróxeno.

O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, asinou esta mañá o convenio de colaboración xunto a José Ramón Rioboo, deputado de Emprego, e José Castro Romero, presidente da Asociación de Empresarios SEARA, entidade que acollerá o novo espazo de traballo colaborativo no seu Centro de Dinamización Empresarial, que xa conta cunha incubadora de empresas e cunha ampla experiencia na prestación de servizos ao tecido empresarial das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Valentín González apuntou que co proxecto "Greencoworking As Pontes" SEARA e a Deputación da Coruña, queren poñer en marcha "un espazo de traballo pioneiro no seu ámbito", centrado nas enerxías renovables e hidróxeno, que albergue iniciativas relacionadas coa cadea de valor xerada polas grandes industrias tractoras do sector das enerxías renovables, un sector cun amplo potencial de crecemento supracomarcal, e así poder axudalas nos seus primeiros anos de vida para o seu asentamento definitivo no territorio.

Trátase dun proxecto vital para a zona, debido ao contexto socioeconómico complexo que atravesa actualmente, ocasionado pola delicada situación económica da zona polo que resulta oportuna e pertinente a firme aposta pola innovación e a transición ecolóxica.

Un modelo de coworking sectorial único no país

"Este será o noveno centro de coworking que poñemos en marcha na provincia da Coruña", destacou Valentín González Formoso, que subliñou "a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país". Formoso incidiu na importancia de que os centros "aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio" e ademais "fomenten sinerxias" e entre emprendedoras e emprendedores dun sector determinado.

"A Rede Provincial de Coworking pretende a xerar oportunidades para a xente moza no mundo rural, fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego", explicou o presidente.

A Deputación da Coruña contribuirá ao financiamento das actividades de formación, titorización, apoio e difusión de proxectos emprendendores cunha achega de 49.720 euros, o que representa unha porcentaxe de preto o 80 % do orzamento total de gasto, que ascende a un total de 62.150 euros.

O novo GreenCoworking das Pontes pasará a formar parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo posta en marcha desde o Plan de Emprego Local (PEL) e da que xa forman parte os centros do Pazo de Arenaza de Oleiros, Fórum Carballo, Daquí Darredor de Brión, Emprende LAB Boiro, o centro de emprendemento A Proa de Ames, o centro de desenvolvemento comarcal de Moeche e o coworking da Capela.