Estás en:Novas

O III Premio Luísa Villalta apoia proxectos audiovisuais, multidisciplinares, escénicos e de tradución feminista

O xurado seleccionou as oito propostas culturais pola igualdade gañadoras desta edición, na que por primeira vez se premian iniciativas orixinais e inéditas xa iniciadas ou con continuidade no ano 2020

O III Premio Luísa Villalta apoia proxectos audiovisuais, multidisciplinares, escénicos e de tradución feminista

Desde un proxecto de tradución feminista entre linguas non hexemónicas ata unha iniciativa multidisciplinar que compila testemuñas de mulleres vítimas do franquismo, pasando por audiovisuais e propostas escénicas, conforman os oito proxectos seleccionados no III Premio "Luísa Villalta" a proxectos pola igualdade.

Convén lembrar que o Premio Luísa Villalta, que promove a Deputación da Coruña a través das áreas de Cultura e Igualdade, contemplaba nesta edición, e como novidade, que as iniciativas que se presentaran ao certame debían estar xa iniciadas ou con continuidade no ano 2020, e para as oito propostas seleccionadas contempla un importe máximo de 12.500 euros para cada unha.

O xurado estivo composto pola adxunta da Vicerreitoría de Cultura e Igualdade da Universidade da Coruña, María Leticia Eirín García, pola historiadora da arte María do Carme Galego Marante, e pola técnica de Igualdade da Deputación, Eva Ovenza Pereira. Tamén participou a deputada de Igualdade, María Muíño, en calidade de presidenta do xurado, e a xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, en calidade de secretaria.

Proxectos seleccionados

Sementæ: procesos de tradución feminista entre linguas non hexemónicas. María Reimóndez Meilán
É un proxecto concibido para traballar dende linguas non hexemónicas e alterar o corpus de pensamento e práctica feminista internacional. Inclúe un proceso de selección e tradución de textos dende tres linguas non hexemónicas ademais do galego, a súa tradución intermedia a unha lingua hexemónica e, partindo desta, a tradución ás demais linguas escollidas. O resultado será a elaboración dun repositorio onde estarán accesibles ao público os textos tanto
en galego como na lingua orixinal.

Longametraxe documental participativa sobre memoria e relato íntimo feminino: "CRÍAS". Xiana Gómez Díaz
Este documental baséase nun arquivo único e pioneiro conformado por materiais da vida cotiá de mulleres contemporáneas: diarios de adolescencia, fotografías, películas e gravacións sonoras recompilados e estudados durante máis de cinco anos. A combinación no filme destes materiais pretende espertar preguntas sobre os espazos íntimos (con marxe para un autorrelato contraditorio, emocións, dúbidas, desexos, experimentos) e públicos (onde un relato alleo é interiorizado, aparecendo o silenciamento e a negación), de xeito que se evidencien cuestións sobre relato, lexitimidade e xénero: quen conta o relato da vida das mulleres? Quen (che) conta a túa propia historiaAutorrelato, re-descubrimento, espazo propio, segredo, silenciamento, ocultación, negación.

Deben falar. Silvia Fernández Romero
Documental sobre a percepción da violencia de xénero no medio rural, co obxectivo de visibilizar o problema a través dun discurso dialóxico, é dicir, dando o lugar central á palabra das participantes e poñéndolle rostro a cada unha delas. Pon o foco na violencia invisible, entendida como aquela aceptada pola sociedade por se entender como algo diferente da violencia de xénero

As Mapoulas. Mulleres libres de Monte Alto/As Atochas, casas refuxio Laboratorio Escénico S. Coop. Galega
Creación escénica onde se mestura a dramaturxia teatral, a danza, a música, a poesía e o vídeo. A obra centrase na figura histórica de Alicia Dorado, anarquista panadeira de 25 anos, e na súa casa refuxio na rúa do Carmen, na cidade de A Coruña. O proxecto trata a vida das casas refuxio, militancia, o compromiso, as relacións coas outras compañeiras, o barrio e a liberdade nun contexto de gran represión que remata o 10 de xullo de 1937 coa súa morte e a doutras compañeiras/os nun asalto policial.

Os nenos da varíola. Victoria Pérez Varela
Adaptación teatral para público xuvenil e adulto da novela homónima de María Solar. Un proxecto escénico de divulgación científica, memoria histórica e de posta en valor dunha muller pioneira esquecida pola historia: Isabel Zendal. Destaca pola súa capacidade de sensibilización e visibilización da igualdade de xénero na ciencia, motivando a reflexión sobre a transcendencia da memoria histórica, ao tempo que incorpora medidas de accesibilidade universal a través da adaptación física, a subtitulación, e acompañamento auditivo.

BRAVAS. Culturactiva S. Coop. Galega
Propón a posta en valor do papel das mulleres na historia a través do teatro e inclúe, ademais da posta en escena, a realización de vídeos e unidades didácticas. Este proxecto destaca pola capacidade de promoción da igualdade con impacto social e innovación, e pola procura de solucións a problemas sociais a través do traballo colaborado co alumnado.

Traballadoras da liberdade. ABA Films 1 SL
A partir da compilación de testemuñas de mulleres vítimas do franquismo formula a realización dun libro, un audiovisual, unha exposición e unha unidade didáctica. O proxecto está coordinado co tecido asociativo con capacidade de reflexión sobre a memoria histórica e incorpora medidas que garanten a accesibilidade para persoas con discapacidade auditiva e visual principalmente.

Proxecto Anónimas. Gemma Marqués Redondo
"Anónimas, retratos de musas cotiás" é un proxecto multidisciplinar que combina publicacións, exposicións, deseño gráfico, pintura mural e cursos desde onde reivindicar a todas as mulleres anónimas, especialmente no rural. O proxecto parte da consideración da arte como elemento transformador, polo que ten gran capacidade de impacto e transferibilidade no territorio.

Páxinas suxeridas