Estás en:Novas

A mostra ‘Nós somos elas’ remata a súa itinerancia en San Sadurniño

Permanecerá durante todo o mes nos xardíns municipais, tras pasar polos concellos da Coruña, Malpica, Ames, Zas, Oroso e Laxe

A deputada, María Muíño, asistiu ao V Recital de poesía en feminino que se celebrou o mesmo emprazamento no que está instalada a mostra, co obxecto de poñer en valor e reivindicar o talento das creadoras galegas, nomeadamente o das poetas actuais

A mostra ‘Nós somos elas’ remata a súa itinerancia en San Sadurniño

A mostra fotográfica 'Nós somos Elas', promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, remata a súa itinerancia no concello de San Sadurniño, onde pode visitarse durante todo o mes de setembro nos xardíns municipais. A exposición, que iniciara a itinerancia na Coruña, puido verse tamén nos concellos de Malpica, Ames, Zas, Oroso e Laxe.

'Nós somos elas' recolle imaxes do Arquivo Fotográfico Vidal que van acompañadas de textos de 24 poetas contemporáneas, co obxectivo de poñer o foco nas mulleres e na súa vida cotiá, retratadas no seu ámbito privado e laboral pola histórica saga de fotógrafos de Laxe. As poetas que participan na mostra poñendo palabra a estas imaxes son Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda.

Precisamente, a posta en valor da fotografía histórica a través do diálogo coa poesía actual escrita por mulleres serve de ligazón entre a mostra da Deputación e o V Recital de poesía en feminino organizado polo Concello de San Sadurniño e Nova Poesía Guitirica. O recital, que se celebrou esta tarde no mesmo emprazamento no que permanece instalada a exposición, tamén foi aproveitado para presentar o libro Poesía en feminino "Mulleres do Rural" e que compila as voces das persoas participantes neste proxecto iniciado en 2017, co obxecto de documentar esta produción poética realizada en clave feminina e feminista.

A este respecto, a deputada de Igualdade, María Muíño, indica que "este tipo de iniciativas que amosan de xeito directo o talento das creadoras galegas, son unha forma moi eficaz de visibilizar e dignificar o papel da muller na sociedade actual". Neste sentido, tamén puxo o foco en que "a palabra de todas as creadoras que participan tanto na exposición como no recital constitúe un diálogo directo co público, transcendendo o ámbito simplemente literario".

Concretamente, no acto desta tarde participaron a poeta Emma Pedreira, que ademais é a autora do prólogo do libro, Consuelo Picos, Carmen Couce, María Teresa Pouso, Nerea Calvo, Alba Rivera, Xela Barro, Marián Arroyo e Ángela Arnosa. A nivel institucional tamén interviron concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, e Antón Tenreiro de Nova Poesía Guitirica.

Páxinas suxeridas