Estás en:Novas

‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galiza’ afronta a recta final con todas as prazas esgotadas

O vindeiro sábado a cita terá lugar no Castelo de Vimianzo coa actuación de Xoán Curiel, mentres que o domingo será nas Torres do Allo coa actuación de Pablo Pérez Sanmamed

‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galiza’ afronta a recta final con todas as prazas esgotadas

O Festival 'Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galiza', que botou a andar nesta edición da man da Deputación da Coruña e dos concellos de Brión e Vimianzo, afronta a súa última fin de semana con todas as prazas esgotadas apenas unhas horas despois de abrirse a última quenda de inscrición. Convén lembrar que, desde a Deputación, a iniciativa foi posta en marcha polas áreas de Cultura e de Patrimonio, que xestionan os deputados Xurxo Couto e Xosé Lois Penas respectivamente, co obxecto de dar a coñecer os recursos patrimoniais da provincia combinando as visitas guiadas con actuacións musicais.

"Ofrecer a oportunidade de gozar do noso patrimonio dun xeito máis emocional, a través de experiencias culturais de calidade, é o obxectivo desta iniciativa que, tal e como xa se demostrou nas dúas primeiras fins de semana, resultou todo un éxito" indica o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas. O propio deputado asistiu a varias sesións do Festival, entre elas a que tivo lugar na tarde de onte na Igrexa de Santiago de Cereixo, en Vimianzo, e na que tamén participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Cultura, Rosa Blanco e a directora artística do Festival, Belén Bermejo.

Precisamente en Vimianzo continuará o ciclo o vindeiro sábado nunha xornada que inclúe unha visita ao Castelo desta localidade e un concerto de Xoán Curiel. A rexedora vimiancesa destacou a relevancia de "poñer en valor o noso patrimonio arquitectónico da man dunha entidade como a Deputación da Coruña e a través da cultura, elemento vertebrador da nosa sociedade", argumentou.

O domingo, rematará a edición 2021 de 'Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galiza' no concello de Zas, onde está prevista unha visita ao conxunto das Torres do Allo e unha actuación a cargo de Pablo Pérez Sanmamed.

Convén lembrar que durante tres fins de semana do mes de setembro (entre o sábado 11 e o domingo 26), 'Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia' puxo en diálogo un total de oito espazos patrimoniais con concertos musicais e rutas con visitas guiadas: as Torres de Altamira e as igrexas de Cornada, Luaña e San Fins en Brión, o Pazo de Mariñán en Bergondo, a igrexa de Santiago de Cereixo e o Castelo de Vimianzo, e as Torres do Allo en Zas.

Programa da última fin de semana

Sábado 25 de setembro. Castelo de Vimianzo.
- 16:30. Visita ao Castelo de Vimianzo (para as visitas organizaranse varias quendas)
- 19:00. Actuación Xoán Curiel
Domingo 26 de setembro. Torres do Allo, Zas.
- 16:30h. Visita guiada polas Torres do Allo e contorna (para as visitas organizaranse varias quendas)
- 19:00h. Actuación de Pablo Pérez Sanmamed

Páxinas suxeridas