Estás en:Novas

Europe Direct A Coruña organiza os obradoiros en liña ‘Hello, Europe!’ que explican á mocidade ferramentas para facilitar a mobilidade dentro da Unión Europea

Os seminarios tratarán sobre o Europass e a homologación de titulacións na UE e estarán impartidos polos centros oficiais de información en España

A inscrición xa está aberta para os dous talleres, que terán lugar os días 29 de setembro e 6 de outubro

Europe Direct A Coruña organiza os obradoiros en liña ‘Hello, Europe!’ que explican á mocidade ferramentas para facilitar a mobilidade dentro da Unión Europea

O centro Europe Direct A Coruña organiza unha nova edición dos seminarios sobre mobilidade europea 'Hello, Europe!' que están dirixidos a mocidade. Nesta ocasión, están previstos dous talleres para dar a coñecer as posibilidades das ferramentas do Europass e clarificar dúbidas sobre a homologación de titulacións dentro da UE.

Os obradoiros terán lugar o 29 de setembro e o 6 de outubro ás 10 horas e teñen límite de prazas, polo é preciso completar o rexistro para participar. O primeiro dos seminarios 'Hello, Europe!' está orientado a dar a coñecer as posibilidades de Europass para os mozos e mozas que queiran buscar traballo na Unión Europea. Así, David Delgado, coordinador do centro nacional de Europass en España, dependente do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (Sepie), explicará como crear un currículo europeo, unha carta de presentación ou como buscar tanto ofertas de emprego como de formación a través do portal Europass.

A segunda sesión está dedicada á homologación de títulos en Europa co obxectivo de explicar os pasos para recoñecer a formación noutros países da UE, así como as posibles equivalencias e o recoñecemento profesional. Este taller estará impartido por Beatriz Canale Esther Moreno do centro Naric (National Academic Recognition Information Centres) que en España depende do Ministerio de Universidades.

A inscrición está xa aberta para ambos seminarios e remata o día anterior á celebración de cada formación. Pódese consultar máis información e acceder ao formulario de rexistro na web https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2021/hello-europe-herramientas-europeas-para-la-movilidad-europass-y-naric/

Para información complementaria, podes contactar tamén a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Páxinas suxeridas