Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación financia as obras de reforma integral da praza 18 de decembro de Cedeira

A praza contará cunha pérgola que mellorará a habitabilidade deste céntrico espazo de lecer

As obras contan cun orzamento de 285.856 euros

O Plan Único da Deputación financia as obras de reforma integral da praza 18 de decembro de Cedeira

O Concello de Cedeira vén de publicar a licitación do proxecto de reforma integral da Praza 18 de Decembro, unha actuación que conta cun presuposto de 285.856,15€ e que será cofinanciada co Plan Único (POS+2020) da Deputación da Coruña .
A praza é un espazo moi frecuentado pola veciñanza, especialmente por persoas maiores, e que está moi exposto ao vento e a choiva. "A intervención vai servir para reordenar o espazo e dotalo dunha pérgola parcialmente pechada que dará abrigo e teito, facendo o lugar máis confortable e resgardado para pasar alí un rato de lecer", explicou o alcalde, Pablo Moreda.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia do Plan Único para renovar e mellorar as infraestruturas dos municipios. Desde a súa creación en 2017, o Plan Único leva financiado 2.727 obras nos 93 concellos da provincia da Coruña.
A Praza 18 de Decembro –antes coñecida como praza dos Cabalos e que desde 2019 leva este nome en recordo dos fusilados nesa data de 1936- é unha illa peonil de máis de 585 metros cadrados situada na confluencia da rúa José Pascual López Cortón, o Camiño Real e a Avenida Castelao. Pola súa situación, é un espazo moi sometido aos ventos, predominantes do sur, sureste e suroeste, que coa construción dunha pérgola vai gañar en habitabilidade ao longo de todo o ano.
Así, a pérgola terá cuberta e paredes de vidro, cunha estrutura con bases metálicas e elementos de madeira. Estará parcialmente pechada pola parte que máis vento recibe, e dentro da pérgola instalaranse bancos e papeleiras, así como unha serie de luminarias.
Na reorganización deste espazo público, están previstas sete prazas de estacionamento -dúas no lado Sur e cinco no Este-. Manteranse as árbores xa existentes, cos seus correspondentes parterres, e disporanse arbustos de medio porte na zona Norte, para separar a praza da vía con maior intensidade do tráfico rodado.

Páxinas suxeridas