Estás en:Novas

O Pazo de Mariñán volve acoller a Escola de Verán do Poder Xudicial, que abordará a relación entre o Camiño de Santiago e a Xustiza

Valentín González Formoso participou hoxe na inauguración da Escola xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e o presidente do Tribunal Supremo e do CGPJ, Carlos Lesmes

Nas mesas redondas participarán maxistrados e maxistradas especialistas na xurisdición Contencioso-administrativa de Asturias, Navarra, Castela e León e Galicia

O Pazo de Mariñán volve acoller a Escola de Verán do Poder Xudicial, que abordará a relación entre o Camiño de Santiago e a Xustiza

O Pazo de Mariñán acollerá desde hoxe ata o vindeiro venres a vixésimo terceira edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, organizada baixo o título Camiño de Santiago: Camiño de Paz e Xustiza. O obxectivo das xornadas, que contan coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, é realizar un percorrido polo Camiño desde diversas perspectivas e campos de coñecemento.

A Escola foi inaugurada esta tarde polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e o presidente do Tribunal Supremo e do Consejo General del Poder Judicial, Carlos Lesmes.

González Formoso deu a benvida aos asistentes ao Pazo de Mariñán "a casa da Escola de Verán, que xa forma parte da identidade destas xornadas" e destacou a importancia da colaboración entre administracións nunha cuestión tan fundamental como a da formación continua do poder xudicial.

Durante o curso analizarase a Historia do Dereito e, entre outras cuestións, examinarase o nivel de protección de Santiago de Compostela, dos distintos camiños ao seu paso por diferentes comunidades autónomas e do patrimonio histórico presente ao longo dos percorridos. Ademais, o estudo do Camiño, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1993, abrirá aos membros da carreira xudicial a posibilidade de deterse e analizar os seus lazos coa arte, coa Historia de España e coa construción de Europa.

A Escola de Verán, que se celebra anualmente no pazo de Mariñán, situado en Bergondo (A Coruña), forma parte do programa de formación continua dos membros do Poder Xudicial. Tras a suspensión do ano pasado como consecuencia da pandemia, desenvolverase este ano coas medidas necesarias para garantir a seguridade dos asistentes.

Nesta edición da Escola de Verán, de cuxa dirección académica se encargan os vogais do CGPJ Juan Manuel Fernández e Álvaro Cuesta, crearase un espazo de reflexión sobre os vínculos existentes entre o Camiño de Santiago e o Dereito, coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo 2021-2022. Na mesa redonda participarán o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias, Jesús María Chamorro, e maxistradas e maxistrados presidentes das Salas do Contencioso-administrativo dos Tribunais Superiores de Xustiza de Navarra, Castela e León e Galicia, comunidades autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago.

Ademais, como relatores intervirán Alberto Aza Arias, diplomático e conselleiro permanente do Consello de Estado; Mercedes Galán Lorda, catedrática de Historia do Dereito da Universidade de Navarra; Xerardo Estévez Fernández, arquitecto e exalcalde de Santiago de Compostela; Manuel Castiñeiras González, catedrático de Historia da Arte da Universidade Autónoma de Barcelona; Santiago Martínez Lage, diplomático e árbitro internacional; e Adeline Rucquoi, presidenta da Sociedade Francesa de Amigos do Camiño de Santiago.