Estás en:Novas

Lage Tuñas pon a Imatia Innovation, gañadora do premio Peme do Ano 2021, como “exemplo da aposta pola innovación que caracteriza á provincia da Coruña”

O deputado provincial destaca que a Deputación e as Cámaras de Comercio da Coruña e Santiago "coincidimos na importancia de potenciar o noso tecido empresarial, apostar pola creación de emprego e dar soporte ao emprendemento"

Lage destaca a necesidade de impulsar a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa

Lage Tuñas pon a Imatia Innovation, gañadora do premio Peme do Ano 2021, como “exemplo da aposta pola innovación que caracteriza á provincia da Coruña”

A empresa Imatia Innovation, especializada no desenvolvemento e comercialización de produtos e servizos de software e enfocada na modernización e transformación dixital de empresas e administracións públicas, recibiu hoxe o Premio Peme do Ano 2021 da Coruña, un galardón que conceden as Cámaras de Comercio A Coruña, de Santiago de Compostela e o Banco Santander, en colaboración coa Cámara de España e o diario La Voz de Galicia.

O director xeral de Imatia Innovation, Fernando Vázquez, foi o encargado de recoller o premio, nun acto que se celebrou na sede da Cámara da Coruña e que contou coa presenza da alcaldesa da cidade, Inés Rey; o presidente da entidade cameral, Antonio Couceiro; o vicepresidente da Cámara de Santiago, José Carballo; a directora territorial do Banco Santander, Rocío Pazos; o deputado provincial da Deputación da Coruña, José Manuel Lage e o delegado de La Voz de Galicia, Carlos Agulló.

Imatia Innovation, que naceu como unha spin off universitaria cunha forte orientación cara ao I+D+i, hoxe é unha PEME que ofrece produtos e servizos de software que axudan a empresas e administracións de todo o mundo para aumentar a súa produtividade. Fundada en 2005, Imatia ten actualmente presenza nos 5 continentes e conta cun persoal de 200 profesionais altamente cualificados.

O xurado valorou especialmente a capacidade de innovación e crecemento da empresa, así como o seu carácter global como méritos para alzarse con este premio.

No acto celebrado esta mañá, o presidente da Cámara, Antonio Couceiro, destacou que "máis dunha trintena de empresas coruñesas presentáronse nesta edición aos premios, o que nos sitúa entre as primeiras provincias españolas en canto a número de candidaturas, e demostra o interese que os mesmos suscitan.

"Un ano máis, a calidade das empresas que se presentaron ao Premio foi realmente alta, o cal supón unha satisfacción para todos os que cremos firmemente que a existencia dun tecido empresarial de peme fortes, innovadoras, con vocación de internacionalización e socialmente responsables, é a mellor garantía para o desenvolvemento sostido e sostible da nosa economía", apuntou.

José Manuel Lage Tuñas, en representación da Deputación da Coruña, felicitou tamén á empresa gañadora, "un claro exemplo da aposta pola innovación que caracteriza á provincia da Coruña e da importancia de impulsar a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa". Lage sinalou o carácter global de Imatia, que como moitas outras empresas de vocación internacional "contribúe a proxectar a imaxe da Coruña ao mundo" e destacou "a coincidencia das Cámaras da Coruña e Santiago e da Deputación na importancia de potenciar o noso tecido empresarial, apostar pola creación de emprego e dar soporte ao emprendemento".

Accésits

Nesta quinta edición concedéronse catro accésits nas categorías de Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Formación e Emprego; e Empresa Responsable.

O Accésit de Internacionalización, outorgouse a Gabadi, empresa auxiliar do sector naval, cuxa estratexia de internacionalización fixo que máis do 74% do volume total da cifra de negocios proveña dos mercados internacionais.

O Accésit de Innovación e Dixitalización, recaeu en Técnicas de Soft,dedicada á enxeñería e automatización industrial, pola súa participación en múltiples proxectos de innovación e desenvolvemento para os sectores enerxético, metalúrxico, madeireiro e da automoción.

O Accésit á Formación e o Emprego concedeuse a Insertega, cuxo obxectivo principal é a inserción laboral de persoas con capacidades diferentes e que está especializada en buscar unha saída sostible ao residuo que xera a industria téxtil.

O Accésit de Empresa Responsable foi para Teiga TMI, que ofrece servizos electromecánicos industriais nos sectores Oil&Gas, enerxía, industria e alimentaria. No seu obxectivo de achegar á sociedade acciones que melloren a inclusión social e o coidado do medioambiente, colaboraron na creación e execución de proxectos de carácter ambiental e inclusivo.

Ademais, este ano incluíuse unha Mención Especial Reinvención COVID para recoñecer a resiliencia das pequenas e medianas empresas que foron capaces de adaptar a súa actividade ante as circunstancias impostas pola pandemia. Grelo Comunicacións recibiu esta mención polo seu compromiso social durante os meses de confinamento, grazas ao cal, persoas sen recursos puideron dispoñer da internet, a pesar das dificultades do momento.