Estás en:Novas

A Deputación apoia o Festival Mar de Mares, unha cita única no mundo a favor dos océanos

Rioboo: "Mar de Mares contribúe a concienciar á sociedade da importancia de coidar do mar, que en Galicia forma parte da nosa vida e da nosa forma de vivir"

Manu San Félix (National Geographic), Barbara Veiga (fotógrafa e activista), Ángel León (3 Estrelas Michelín), Javi Olleros (2 Estrelas Michelín), Michel André (enxeñeiro bioacústico e director do maior arquivo do mundo que recolle os sons da natureza), Francisco Sánchez (referencia mundial de áreas mariñas protexidas), a Orquestra Reusónica Trío son algúns dos participantes deste ano

A Deputación apoia o Festival Mar de Mares, unha cita única no mundo a favor dos océanos

Na mañá de hoxe comezou a oitava edición do Festival Internacional Mar de Mares, o encontro multidisciplinar único no mundo sobre a importancia e a defensa dos océanos que se celebra na Coruña. No acto de inauguración participaron Manu San Félix, biólogo mariño, explorador de National Geographic e documentalista responsable da exposición de fotografía deste ano, xunto a representantes de diversas institucións colaboradoras e a organización de Mar de Mares.

Coincidindo neste 2021 co inicio da Década dos Océanos da ONU, Mar de Mares quere contribuír a impulsar as ciencias oceánicas, disciplinas que se dedican á exploración dos mares, ao seu estudo e á súa conservación. E farao desde disciplinas como a fotografía, a gastronomía, a música, o deseño, o cinema... Segundo Merce Carballo, Directora do Festival Mar de Mares, "configuramos un programa de máis de 30 actividades que comezou esta mañá coa tradicional visita á Lonxa. Estamos moi contentos, non só pola programación, tamén pola implicación da cidadanía que esgotou as entradas de practicamente todas as actividades nun tempo récord".

En Mar de Mares a fotografía ocupa un papel fundamental como ferramenta de difusión e defensa dos océanos. Neste ano, a exposición principal do Festival é de Manu San Félix, biólogo mariño, explorador de National Geographic e documentalista, recoñecido polo seu traballo en todo o mundo. "Leva toda a súa vida dedicándose a investigar e coidar a vida submarina, especialmente no Mediterráneo. Participa de maneira activa no Proxecto Pristine Seas de National Geographic, unha iniciativa que logrou recuperar o ecosistema de 4,5 millóns de quilómetros cadrados de fondos mariños ao redor do mundo, o que supón o 70% da superficie protexida do mar", explicou Silvia Oviaño, comisaria do Festival.

O deputado responsable da área de Medio Ambiente, José Ramón Rioboo destacou que o festival é un gran exemplo de como administracións, entidades, artistas e expertos de distintos ámbitos "poden implicarse e colaborar con éxito para concienciar á sociedade da necesidade de coidar os océanos e preservar o noso ecosistema mariño".

"A Coruña é a provincia española con máis quilómetros de costa e líder en capturas e comercialización de pesca fresca. Por iso coñecemos ben a necesidade de coidar e protexer un mar que forma parte da nosa vida e da nosa forma de vivir, xa que representa tamén un importante recurso económico para miles de familias", apuntou José Ramón Rioboo.

Programa de Mar de Mares 2021
Mar de Mares 2021 completou un programa de máis de 30 actividades entre as que atopamos as exposicións de fotografía de Manu San Félix (National Geographic) e Barbara Veiga (fotógrafa e activista), os encontros inspiradores con Ángel León (cociñeiro 3 Estrelas Michelín), Javi Olleros (cociñeiro 2 Estrelas Michelín), Michel André (enxeñeiro bioacústico e director do maior arquivo do mundo que recolle os sons da natureza), Francisco Sánchez (referencia mundial de áreas mariñas protexidas), o concerto da Orquestra Reusónica Trío con instrumentos elaborados con materiais de reciclaxe, os Paseos pola Cidade-Barco, con Xurxo Souto, as saídas no veleiro Juan de Lángara, as proxeccións de Ocean Film Fest e moito máis.

Ademais, este ano organizouse a II gran limpeza de fondos mariños da Coruña, con 100 submarinistas voluntarios, e volve o Mercado do Mar, o mellor escaparate da pesca artesanal de Galicia e dos produtos de mar elaborados con criterios de sustentabilidade.

A programación completa de Mar de Mares pódese consultar na súa páxina web http://festivalmardemares.org/

Sobre o Festival Mar de Mares

O Festival Mar de Mares é un referente mundial pola súa maneira de acercar e sensibilizar sobre a situación dos mares. Desde un xeito lúdico e orientado a todos os públicos, Mar de Mares completa un destacado programa cada ano con grandes nomes internacionais de diferentes disciplinas e vinculadas ao mar. En 2021, Mar de Mares desenvolverá a súa oitava edición entre os días 23 e 26 de setembro, con actividades ata o 5 de novembro, contando coa colaboración de entidades como Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, GALP Golfo Áratabro Sur, Consellería do Mar, Gadis, Signus e Estrella Galicia.

Desde a súa creación, Mar de Mares traballa por un futuro máis sostible promovendo a reflexión e invitando á cidadanía a tomar partido polos mares. Nestes anos, o Festival configurouse como un espazo de reflexión grazas aos seus completos programas nos que podemos atopar nomes como David Doubilet, Cristina Mittermeier, Mandy Barker, Isabel Muñoz, Manuel Rivas, Nacho Carretero... Referentes mundiais que nos contaxiaron o amor polo mar e deixáronnos marabillosas historias sobre os océanos. Desde o seu comezo, Mar de Mares reuniu na Coruña a máis de 160.000 persoas a través das súas máis de 200 actividades organizadas nas edicións anteriores. O Festival consolidouse como unha cita que destaca pola calidade da súa programación que en poucos días desenvolve decenas de actividades arredor do mar.

Páxinas suxeridas