Estás en:Novas

María Muíño: “A igualdade nas programacións culturais ten que ir máis aló do politicamente correcto”

A deputada de Igualdade participou na apertura das xornadas 'A igualdade cultural (tamén) é un dereito: feminismos e creación contemporánea na Galiza', que xunta en Compostela a máis de 20 creadoras de distintas disciplinas artísticas

Trátase da primeira das catro das xornadas do programa 'A Cultura é un Dereito', que organiza a Deputación da Coruña coa mirada posta no desafío de construír o novo modelo cultural pospandemia

María Muíño: “A igualdade nas programacións culturais ten que ir máis aló do politicamente correcto”

A deputada de Igualdade, María Muíño, e a comisaria Clara R. Cordeiro, foron as encargadas de abrir esta tarde as xornadas 'A igualdade cultural (tamén) é un dereito: feminismos e creación contemporánea na Galiza' que reúne, durante dúas sesións na Facultade de Ciencias da Comunicación, a máis de 20 creadoras de galegas de distintas disciplinas.

María Muíño centrou a súa intervención na necesidade "de ir máis aló do sistema de cotas e do politicamente correcto para garantir a presenza da muller e da creación en feminino nas programacións culturais". A deputada de Igualdade indicou que "se fai imprescindible asumir unha perspectiva estrutural e que non se limite a xestos de visibilización, promovendo políticas que teñan repercusión real en cuestións como a conciliación familiar e laboral ou no equilibrio entre a maternidade e a práctica profesional, por poñer dous exemplos básicos".

Neste sentido, María Muíño lembrou que cada Administración debe traballar no camiño da igualdade real entre homes e mulleres en función das súas competencias e, no caso das Administracións locais, instou os concellos a ofrecerlle á cidadanía "programacións o máis diversas e igualitarias posible" e asegurou que "a estas alturas xa está máis que demostrado que por falta de talento e de oferta non é".

Tamén lembrou que desde as áreas provinciais de Igualdade e de Cultura a perspectiva de xénero se está aplicando de xeito transversal a toda acción política e que nas liñas de subvencións destes departamentos xa se introduciron criterios para valorar especificamente a perspectiva de xénero nos proxectos subvencionados.

O encontro que se está desenvolvendo esta fin de semana vertébrase ao redor de relatorios e mesas de debate e reflexión crítica e compleméntase con intervencións artísticas e performances para amosar o talento e a calidade da creación feminina actual.

A sesión desta tarde comezou cun relatorio sobre creación e lingua fronte a hexemonías a cargo das escritoras Eli Ríos e Eva Mejuto; seguido dun panel de experiencias multidisciplinares titulado 'A cultura como campo de batalla: da violencia patriarcal á resistencia creativa' con participación da actriz Diana Sieira, a deseñadora Uqui Permui e a produtora Alexandra Vázquez. Tamén inclúe unha performance a cargo de Marcia Vázquez e Pau Herrero, e remata cunha mesa de debate sobre 'O colectivo como lugar: visibilidade, denuncia e redes de apoio' no que intervirán Ana G. Liste do colectivo Xornalistas Galegas, Chelo Loureiro de CIMA Galicia, Eli Ríos da plataforma A Sega, e Marcia Vázquez e Pau Herrero de 85C.

A xornada do sábado leva por título 'O persoal é política cultural' e comezará cunha intervención escénica a cargo da actriz Carmen Conde. A primeira mesa de debate, 'Maternidades creativas: enfoques e relacións entre o laboral, a precariedade e os coidados', contará coa intervención da crítica de arte Ánxela Caramés, a música Su Garrido, a artista de circo Raquel Oitavén, a artista urbana Diana Rodeiro 'Nana', e a actriz Iria Pinheiro. Continuará cun panel de experiencias multidisciplinares sobre 'o síndrome da impostora' no que participarán a escritora Antía Yáñez, a artista plástica Rebeca Lar, a ilustradora Bea Lema, e a música Pauliña. O encontro rematará coa presentación da intervención que a artista plástica María Mejide desenvolverá durante os dous días acompañando o proceso discursivo da xornada.

Convén lembrar que as catro xornadas do programa 'A Cultura é un Dereito' organizadas pola Deputación da Coruña no último cuadrimestre do ano teñen por obxectivo poñer o foco no desafío de construír o novo modelo cultural pospandemia. Continuará no mes de outubro co Congreso de Teatro Amador, en novembro coa xornada sobre Museos locais, e rematará en decembro coa xornada sobre sustentabilidade e Cultura.

Páxinas suxeridas