Estás en:Novas

A Deputación promove a redacción dun documento de boas prácticas para avanzar cara a igualdade nas artes

O vindeiro martes o Pazo de Mariñán acollerá a xornada profesional 'Boas prácticas cara a igualdade nas artes', co obxectivo de elaborar unha guía para o cumplimento de normativas existentes e introducir reclamacións do sector para acadar a igualdade real de trato e de oportunidades para as artistas galegas

A Deputación promove a redacción dun documento de boas prácticas para avanzar cara a igualdade nas artes

A deputada de Igualdade, María Muíño, participará o vindeiro martes na xornada profesional 'Boas prácticas cara a igualdade nas artes', que terá lugar en Mariñán entre as 12:30h e as 18:00h.

Esta xornada está comisariada pola xestora cultural Bea Camiña e supón o peche dun proceso iniciado en xornadas anteriores –levadas a cabo en 2018 e 2019-, nun proceso participado por artistas de diversas disciplinas acompañadas por profesionais da xestión cultural tanto no ámbito público como privado.
Entre os obxectivos da xornada do vindeiro martes, cabe salientar a elaboración dun documento que poida servir de guía para o cumprimento de normativas xa existentes, así como reclamacións do sector que nunca son atendidas, ou case nunca, e serían claves para que haxa unha igualdade real de trato e de oportunidades para as artistas galegas.
No proceso participarán as artistas de distintas disciplinas artísticas, ao igual que nas anteriores sesións, máis tamén estarán presentes representantes políticas de diversas institucións galegas, tanto a nivel autonómico como provincial e local.
A parte final da xornada dedicarase a escoitar
a parte política, para dar paso a un debate entre as asistentes. O peche inclúe unha breve actuación da compositora e cantante galega Leticia Rey.
Convén lembrar que esta xornada se suma ás que tamén se están levando a cabo desde a área de Cultura –esta fin de semana está tendo lugar en Santiago a xornada 'A igualdade cultural (tamén) é un dereito: feminismos e creación contemporánea na Galiza'- co fin de propiciar a reflexión crítica sobre a igualdade de oportunidades ente homes e mulleres e contribuír a que teña unha repercusión real nas políticas culturais.

Páxinas suxeridas