Estás en:Novas

Santiago acolle, o 2 de outubro, a terceira etapa da 9ª Marcha Ciclista Unificada Special Olympics Galicia

Santiago acolle, o 2 de outubro, a terceira etapa da 9ª Marcha Ciclista Unificada Special Olympics Galicia

Santiago de Compostela acollerá, o vindeiro 2 de outubro, a terceira etapa da 9ª Marcha Ciclista Unificada Special Olympics Galicia, para persoas con discapacidade intelectual. Será un percorrido de 21,2 quilómetros polo centro da capital de Galicia, que sairá do Centro Sociocultural das Fontiñas, para rematar no mesmo lugar. Un evento que se completará con outras tres probas en Baños de Molgas (Ourense) o 30 de setembro, Guitiriz (Lugo), o 1 de outubro; e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), o 3 de outubro.

Na rolda de prensa de presentación estiveron presentes a concelleira de Deportes compostelá, Esther Pedrosa, a deputada provincial, Mila Castro, que tamén é concelleira de Políticas Sociais; Eladio Fernández Pérez, presidente de Special Olympics Galicia, Javier García, xerente da entidade de ASPAS; e María José Botana, unha das atletas que participa na marcha.

Na súa intervención, Mila Castro, sinalou que se trata dun evento "referente da inclusión no ámbito deportivo e que reflicte a diversidade e pluralidade da nosa sociedade, que tamén debe estar presente neste eido". Afirmou que un dos obxectivos da marca Special Olympics é derrubar muros, e recordou a aposta da Deputación da Coruña na promoción e difusión do deporte, incluído o deporte adaptado, nun ano no que se concederon bolsas a  45 deportistas con 3.500 euros cada un.

Marcha Ciclista Unificada Special Olympics Galicia
Esta iniciativa non sería posible sen a implicación de catro entidades que traballan con persoas con discapacidade intelectual: CON ELES, ASPAS, PRODEME E ASPANAS. Todos os ciclistas participantes pertencen a algunha destas asociacións. Na primeira etapa, en Baños de Molgas, participarán 25 deportista; na segunda, en Guitiriz, 16 persoas; na terceira, en Santiago, 20; e en Vilagarcía, un total de 29 ciclistas.

O obxectivo desta marcha é favorecer a inclusión do colectivo a través do deporte. O deporte é unha práctica vital para o fomento da integración, e unha magnífica posibilidade de visibilizar a este colectivo de persoas, derrubando as barreiras físicas e psicolóxicas da sociedade á hora de coñecer e facilitar a súa participación na vida social e comunitaria.

Entre os obxectivos máis concretos figuran: promocionar a práctica do ciclismo nas persoas con discapacidade intelectual de Galicia; ter un punto de encontro no que poidan participar todas as persoas con discapacidade intelectual, gozando dunha xornada deportiva unificada con deportistas doutros clubs; favorecer unha contorna de convivencia entre o voluntariado e as persoas con discapacidade intelectual de Galicia; facer visibles as capacidades das persoas; potenciar as habilidades e destrezas para relacionarse: ou eliminar barreiras e estereotipos que dificultan a normalización.

Ademais do concello de Santiago, na 9ª Marcha Ciclista Unificada colaboran distintas entidades públicas e privadas, entre elas o Goberno de España, as deputacións da Coruña, de Lugo e de Pontevedra; ou a Xunta de Galicia. Entre deportistas e voluntariado, nesta marcha participarán unhas 200 persoas.