Estás en:Novas

A Deputación inicia os trámites de expropiación para as obras de mellora da seguridade da estrada DP 6301, en Oza-Cesuras

Supoñen un investimento próximo aos 800.000 euros, dos que 94.866 corresponden ás expropiacións

As obras suporán duplicar a anchura da estrada, que pasará de 4 a 8 metros, mellorando a seguridade na entrada e saída do núcleo de Callobre e no acceso á estrada que vai a Limiñón

A Deputación inicia os trámites de expropiación para as obras de mellora da seguridade da estrada DP 6301, en Oza-Cesuras

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 95 predios afectados polo proxecto de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP 6301, de Serra de Abaixo a Porzomillos, no municipio de Oza-Cesuras.

Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados os días 5 e 6 de outubro no pavillón municipal do Salto-Loureiro.

O proxecto supón un investimento de 793.958 euros, dos que 699.092 corresponden ao financiamento das obras e os restantes 94.866 € destinaranse ás expropiacións necesarias para a súa execución.

As obras terán lugar en dous tramos que suman dous quilómetros e que van desde o inicio da estrada ata o núcleo de Callobre, no PK 1+180 e entre os PK 1+720 (saída de Callobre) e 2+500, onde se conecta coa estrada de Limiñón.

Este investimento suporá unha importante mellora da seguridade desta vía, duplicando a súa anchura dos catro metros actuais (con tramos de tres onde se complica notablemente o cruce de dous vehículos) ata os oito metros, dotando a estrada de carrís de circulación de 3,5 metros de ancho e beiravías de seguridade de medio metro.

O proxecto inclúe a substitución da drenaxe transversal da estrada ao seu paso polo regato da Pedra, así como a mellora das interseccións coas estradas que dan acceso aos núcleos de San Vicente de Vigo e Limiñón.

A nova estrada pavimentarase con mestura bituminosa en quente. O prazo de execución das obras será de seis meses contadas desde o seu inicio.

Páxinas suxeridas