Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña programa un total de 538 actuacións ata final de ano

273 representacións de teatro, circo e monicreques, 84 espectáculos de narración oral e de promoción da lingua, e 72 concertos musicais, ademais de proxeccións de cinema, maxia e danza, conforman a programación que chegará aos concellos da provincia

O deputado Xurxo Couto cualifica a Rede Cultural como "a aposta máis potente e estable a nivel institucional" para achegar cultura de calidade á cidadanía e garantir a estabilidade das programacións locais

A Rede Cultural da Deputación da Coruña programa un total de 538 actuacións ata final de ano

"Neste momento a Rede Cultural consolídase como a aposta máis potente e estable a nivel institucional para para achegar propostas de calidade a todos os concellos da provincia" asegura Xurxo Couto a respecto do lanzamento da programación da Rede Cultural para o último trimestre deste ano.

En concreto, a área provincial de Cultura oferta a través deste programa un total de 538 actuacións que se desenvolverán nos meses de outubro, novembro e decembro e que fundamentalmente se corresponden con propostas a cargo de compañías profesionais. "A Rede Cultural supón ademais un importante impulso para as contratacións artísticas máis aló da tempada de verán que, dunha banda, permite avanzar na recuperación económica do sector e, doutra, contribuír á estabilidade das programacións culturais locais permitindo que a cidadanía teña unha oferta de calidade, independentemente do concello no que viva" explica Xurxo Couto.

En total serán 538 as actuacións culturais que se desenvolverán durante o último trimestre do ano nos concellos da Coruña integrados na Rede Cultural da Deputación. Das distintas modalidades, as propostas de teatro, monicreques e circo suman 273 actuacións, seguidas das de narración oral e promoción da lingua con 84 (programa "Lingua a escena"), das de música con 72, de proxeccións de cinema con 33, maxia con 30 e danza profesional con 11. No relativo ás actuacións dedicados á cultura non profesional (programa "Alicerce") inclúense 35 actuacións.

Espectáculos relacionados coa figura tradicional do Apalpador no mes de decembro como 'Apalpadoriños', 'O apalpador e a nena sen medo' ou 'Cantos e Contos para o tempo de Nadal'; actuacións musicais de De Vacas, Festicultores Troupe ou Davide, Fransy e Cibrán, teatrais con compañías como Ibuprofeno Teatro, Talía Teatro ou Malasombra, maxia como a de David Maestro ou Cayetano Lledó e filmes como 'Arima' ou 'Quen a ferro mata' son algunhas das propostas máis solicitadas do catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

As actividades desenvolveranse en 91 concellos cun orzamento anual de 2.600.000 euros dos que a achega da Deputación da Coruña ascende a 1.555.000€. Participan un total de 1.473 compañías e grupos profesionais participan e neste cómputo anual as actuacións de teatro e os monicreques son as máis demandadas con 524 actuacións, seguidas da música con 299 concertos por diante das 173 proxeccións audiovisuais, os 173 espectáculos que animan a usar o galego ou os 112 de cultura amadora.

Páxinas suxeridas