Estás en:Novas

COMPOSTELA ABERTA PREGUNTA SOBRE AS MEDIDAS PARA A PRESERVACIÓN DO DOLMEN DE DOMBATE

Manuel Dios esixiulle a Agustín Hernández que deixe de facer, no tema dos incendios, "política da mala, da de baixo nivel, desa da que vostedes xa nos deron numerosos exemplos"

COMPOSTELA ABERTA PREGUNTA SOBRE AS MEDIDAS PARA A PRESERVACIÓN DO DOLMEN DE DOMBATE

O voceiro provincial de Compostela Aberta, Manuel Dios, interesouse no Pleno celebrado hoxe na Deputación polas medidas postas en marcha para asegurar o cumprimento do convenio asinado co Concello de Cabana de Bergantiños, para a atención de visitantes ao Dolmen de Dombate. Por ese motivo, formulou unha pregunta ao Goberno Provincial.
Este enclave arqueolóxico é o monumento megalítico máis importante de Galicia, e dos poucos da súa época que conserva restos de pintura. Por ese motivo, a Deputación efectuou un importante esforzo económico para a súa posta en valor e conservación. Tamén limitou o número de visitas simultáneas á sala do dolmen, e o tipo de actividades que se poden celebrar no recinto.
Porén, varias entidades denunciaron publicamente que o pasado 20 de agosto tivo lugar un acto que cualificaron de partidista, e para o cal o concello non solicitara autorización, incumprindo así o estipulado no convenio.
Para Compostela Aberta, o Dolmen de Dombate non pode converterse nun mero pano de fondo que sirva como escusa para a realización de calquera actividade, pois é un ben cun enorme valor propio, e como tal debe ser tratado, garantindo a súa conservación.
Manuel Dios denuncia o escapismo de PP na problemática dos incendios forestais
Noutro momento do Pleno debateuse unha moción do Grupo Popular, a través da cal se pretendía que a Deputación financiara a recuperación das zonas afectadas por incendios forestais na provincia. Manuel Dios instou ao voceiro popular, Agustín Hernández, a non trasladar as responsabilidades autonómicas a outras administracións. "Non é a primeira vez que o PP intenta que a Deputación asuma cos seus fondos algunha das competencias da Xunta de Galicia, afirmou".
"Con esta iniciativa pretenden desviar a responsabilidade, non só económica, senón política, sobre a Deputación, facéndoa copartícipe dun problema que debe asumir a Xunta de Galicia", afirmou o voceiro de CA. "Na cuestión dos incendios forestais, como en tantas outras, o seu partido dedícase ao escapismo".
Tras lembrar que Compostela é o segundo concello da provincia con maior superficie, e polo tanto, sufridor frecuente desta problemática, esixiulle a Agustín Hernández que se deixe de mocións electoralistas, e de brindes cara á galería. "Menos política da mala, da de baixo nivel, desa da que vostedes nos deron numerosos exemplos. Tome exemplo, por unha vez, do Goberno Municipal de Compostela".
Por último, instou ao PP a demostrar vontade real de acordo e deixar a moción sobre a mesa para comezar un diálogo entre Xunta e Deputación, algo que Hernández rexeitou, o cal motivou a abstención de CA.
Preocupación polo uso de tecnosolos
Manuel Dios votou favorablemente a unha moción presentada polos grupos que sustentan o Goberno provincial, na cal se amosaba o rexeitamento da Deputación aos proxectos de aplicación de tecnosolos -solos artificiais elaborados mediante reciclaxe de residuos industriais- vulnerando a lexislación europea, co consecuente risco medioambiental e para a saúde das persoas. Foi apoiada por todos os grupos salvo o PP, que se abstivo.