Estás en:Novas

O PP tacha de "irresponsable" a decisión da Deputación de non apoiar os municipios afectados polos incendios

O grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña, encabezado polo seu portavoz, Agustín Hernández, tachou de "irresponsable e pouco solidaria" a decisión tomada hoxe polo pleno da institución provincial -votos en contra de todas as formacións,agás a abstención de Compostela Aberta- de rexeitar a moción presentada polos populares na que se insta á Deputación a participar, en coordinación e colaboración coa Xunta de Galicia, na posta en marcha de medidas de apoio para as zonas afectadas polos incendios forestais ocorridos na provincia no último mes.

O PP tacha de

En concreto, desde o Partido Popular solicitábase a posta en marcha, por parte da Deputación, dun plan de avaliación e posterior reparación dos danos ocasionados polos incendios forestais na rede de estradas e infraestruturas de competencia provincial.

Ademais, os populares propuñan que o Goberno Provincial se puxese en contacto coa Xunta de Galicia co obxectivo de coordinar a súa participación, de forma complementaria coa realizada pola administración autonómica, nas medidas adoptadas para a recuperación da superficie forestal queimada, así como para contribuír a paliar os danos en propiedades e nas actividades económicas de ámbito provincial.

"É sorprendente comprobar como a Deputación da Coruña decide quedar á marxe dun asunto tan grave e tan prexudicial como foron os incendios durante este verán", denunciou Hernández, quen lamentou que, ao seu xuízo, o único motivo que xustifica a postura adoptada polo pleno provincial é que non se queira participar, unicamente por motivos e causas políticas, nun plan que impulsou a Xunta de Galicia".

Sobre este punto, o portavoz dos populares mostrouse convencido de que os veciños afectados resultaralles "complicado entender que a Deputación da Coruña lles dea as costas nun momento no que toda axuda seguro que é pouca".

Rescate servizo de bombeiros
Por outra banda, Hernández trasladou tamén o malestar que xerou dentro do grupo popular o feito de que o Goberno Provincial dese a coñecer a través dos medios a súa intención de rescatar a xestión do servizo dos parques comarcais de bombeiros, sen consultalo coa Xunta, responsable do 50% da xestión, nin co resto de forzas representadas no pleno.

"Nós non temos constancia da existencia de ningún informe xurídico, nin técnico elaborado pola Deputación, nin polo Consorcio que avalen o rescate deste servizo", indicou Hernández.

Neste sentido, o popular, que defendeu a necesidade de deixar á marxe do debate político este asunto, subliñou que a súa formación está "preocupada" polo futuro dos traballadores e pola viabilidade xurídica e económica dunha posible xestión directa por parte da Deputación.

"É un asunto demasiado importante e complicado como para que se fagan anuncios de cousas que aínda non están, nin moito menos, aseguradas", afirmou o popular, quen esixiu ter no seu poder os informes, de existir, que avalen o rescate deste servizo.