Estás en:Novas

A Deputación abre a convocatoria do Premio ‘Concepción Arenal’ para proxectos educativos pola igualdade de xénero

"Contribuír a que o alumnado de hoxe se forme e sensibilice para que a sociedade no futuro sexa cada vez máis igualitaria e xusta" é o obxectivo principal deste certame que chega neste ano á súa VIII edición da man da área de de Igualdade da Deputación da Coruña

O premio é un recoñecemento á implicación dos centros educativos na promoción de habilidades para identificar e rexeitar estereotipos sexistas, e que traballen esquemas alternativos que contribúan á igualdade de oportunidades real entre sexos

A Deputación abre a convocatoria do Premio ‘Concepción Arenal’ para proxectos educativos pola igualdade de xénero

A Deputación Provincial da Coruña vén de convocar unha nova edición do Premio Concepción Arenal, co obxectivo de promover políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero entre a poboación infantil e adolescente. Trátase, en palabras da deputada de Igualdade, María Muíño "de contribuír, desde a infancia e a adolescencia e no contexto educativo formal, a que o alumnado de hoxe se forme e sensibilice para camiñar cara unha sociedade que no futuro sexa cada vez máis igualitaria e máis xusta".

Así, a través deste certame a área de Igualdade da institución provincial premiará o compromiso e a implicación dos centros educativos públicos que presenten proxectos que contribúan ao desenvolvemento de habilidades para identificar e rexeitar estereotipos sexistas, e que contribúan á erradicación da violencia de xénero. Tamén se pretende que os proxectos educativos que concorran a esta convocatoria presenten esquemas alternativos que axuden a comprender a igualdade de oportunidades real entre sexos.

A convocatoria, á que poden concorrer todos os centros educativos públicos da provincia, contempla as modalidades de educación infantil, primaria e secundaria, cunha dotación para una unha delas dun premio de 5.000 euros. Os centros educativos que desexen concorrer a esta oitava edición do Premio Concepción Arenal, dispoñen ata o 28 de outubro para presentar os seus proxectos de acordo as bases publicadas no BOP.

A Deputación da Coruña valorará aquel programa de actividades no que se traballe a prol da consecución da igualdade, así como a sensibilización, prevención de comportamentos de risco ou a intervención en materia de violencia de xénero. Así mesmo, terá en conta a incorporación transversal da educación en valores nos proxectos, como poden ser: a tolerancia, o respecto, a promoción da empatía, a xustiza, etc...

Na pasada edición, resultaron gañadores un proxecto da Escola infantil de Montealto na modalidade de Educación Infantil, un do CEIP Sanjurjo de Carricarte na de Educación Primaria, os dous da Coruña, e un do IES Universidade Laboral de Culleredo en Educación Secundaria.

Páxinas suxeridas